Site icon Crónica3.com A Mariña

Os vendedores da praza de abasto de Ribadeo participan este venres nun curso sobre visual merchandising

Ribadeo, 29 de outubro de 2014. Este venres, 31 de outubro, en horario de mañá, levarase a cabo un curso de visual merchandising na praza de abastos. A actividade está dirixida aos donos dos 9 postos de peixe, carne e froita e verdura, que venden actualmente no edificio do mercado ribadense, e pretende servir como aliciente para fomentar o comercio local na vila. Para logralo ata Ribadeo desprazarase unha experta nesta disciplina comercial para que lle explique a cada praceiro cales son as mellores técnicas de posicionamento á hora de colocar os seus produtos para lograr aumentar a súa venda. O curso servirá para completar a oferta formativa que recibiron os praceiros nas pasadas semanas, aproveitando o peche temporal da praza de abastos debido ás obras de reforma que se realizaron no seu interior.

Este curso de visual merchandising forma parte do ciclo de medidas levadas a cabo polo Concello, grazas a unha subvención da Xunta de Galicia, e que están orientadas a fomentar o consumo local tanto nas redes coma na propia praza de abastos. Entre elas, este mesmo mércores tivo lugar a estrea dun documental sobre o traballo diario dos praceiros. A proxección foi ás 12 da mañá, aproveitando a celebración do mercado semanal dos mércores.

Desde a Concellaría de Desenvolvemento Local lembran que a praza de abastos recuperou a súa actividade a pasada semana, despois de permanecer pechada dende comezos de outubro polas obras de reforma de estrutura e pintado que se levaron a cabo tanto no interior, coma no exterior do edificio, traballos que rematarán definitivamente dentro duns días.

Exit mobile version