Site icon Crónica3.com A Mariña

Os ‘Xoves Universitarios’ chegan a Barreiros cunha xornada sobre a factura da luz

Barreiros, 24 de outubro de 2014. O Colectivo Cultural Ollomao, tras a posta en marcha da segunda edición da Universidade Rural a comezos de mes, inicia o vindeiro xoves unha nova actividade: os xoves universitarios.

Estas xornadas terán lugar en varios xoves durante o desenvolvemento da Universidade Rural e consistirán en trasladar as clases teóricas aos bares e tabernas do municipio, nun ambiente menos académico e máis distendido. A presidenta de Ollomao, Tamara Rubiños, explica que “a idea xurdiu xogando cos xoves de festa en calquera cidade universitaria. Barreiros, tendo universidade, non podía quedar á marxe e decidimos trasladar temas xerais, que poidan ter interese para a xente, aos bares e tabernas do concello, a un ambiente máis informal.”

Trátase de xornadas e charlas abertas ao público en xeral, sen ser preciso ter matrícula na Universidade Rural, podendo asistir calquera persoa interesada. “Pretendíase tamén contribuír a dinamizar a vida nos bares e tabernas da localidade, aproveitando as sinerxias que poidan xurdir e tratando de que as actividades de Ollomao tamén redunden en beneficio da vida social barreirense”, explica.

O primeiro xoves universitario desenvolverase o vindeiro 30 de outubro, ás 20:30h, no bar A Ribeira, na praia de Fontela. Ademais, tratarase un tema moi demandado polas veciñas e veciños e sobre o que existe un interese xeralizado. Xosé Manuel Golpe Acuña, experto en enerxía -da axencia enerxética de A Coruña- realizará unha ponencia sobre como funciona o mercado da enerxía, canto nos custa a luz, como se pode analizar a factura, posibles reclamacións e alternativas existentes. Desde Ollomao, animan ás persoas que asistan a levar as súas propias facturas para poder analizalas durante a xornada.

“A facturación da luz é un tema que se toca levemente na semente de ciencias xurídicas, sociais e económicas e que suscita gran interese. Por iso, decidimos organizar unha xornada monográfica sobre este tema; pero aberta ao público en xeral, para que poida acudir calquera persoa interesada”, explica Tamara Rubiños.

Actividades nos bares e tabernas para as tarde-noites de outono

Desde o Colectivo Cultural Ollomao sinalan que “esta actividade que comeza o vindeiro xoves forma parte dunha serie de actos que se desenvolverán en bares e tabernas, tratando de contribuír á dinamización da vida social barreirense e achegando a cultura a lugares menos habituais.”
Así, ademais dos xoves universitarios, que se sucederán ata o mes de decembro en bares de distintas parroquias, no mes de novembro poñerán en marcha o teatro nos bares, achegando pequenas obras teatrais a estes espazos e colaborando a reavivar a vida nos locais de ocio de Barreiros.

Desde Ollomao mostran “un gran agradecemento” a todas as persoas que rexentan locais de hostalería que “amosaron plena disposición a colaborar e facilitaron en todo momento a posibilidade de realizar calquera tipo de actividade.” Igualmente, explicaron que “debido á grande colaboración que tivemos, nesta primeira fase non poderemos chegar a todos os establecementos que se ofreceron para participar, xa que se tratou de diversificar por zonas e por parroquias”; pero aseguran que “faremos o posible por ampliar as actividades e poder achegalas a todos os que se mostraron en disposición.”

Exit mobile version