Site icon Crónica3.com A Mariña

Pedreira: “O PSOE pídenos que iniciemos medidas de fomento de emprego que nós xa temos en marcha dende hai anos”

Cervo, 18 de outubro de 2014- A edil de Facenda, Yolanda Pedreira, lamenta o cinismo do grupo socialista “ao reclamar iniciativas de emprego aínda sabendo que o Concello de Cervo é pioneiro en poñer en marcha ese tipo de medidas”. Pedreira lembra que o goberno local comezou no 2013 a ofrecer prácticas remuneradas a mozos titulados a través dun convenio con FEUGA ao que xa levan destinados 235.000 euros incluíndo a partida para 2015.

De feito, Cervo é o único Concello de Galicia en conceder este tipo de bolsas, que agora ten ampliado tamén aos estudantes da Universidade de Oviedo. A edil lembra ao mesmo tempo que Cervo foi o primeiro Concello da provincia en poñer en marcha un programa de formación dual, no que os alumnos fórmanse e fan traballo remunerado no sector forestal.

A responsable de Facenda considera “paradóxico” que sexan “precisamente” os socialistas os que reclamen medidas de emprego “cando o PSOE da Deputación deixou fóra do seu plan de emprego aos veciños de Cervo”. “A veciña de San Ciprián e vicepresidenta da Deputación é corresponsable de que Cervo non entrase nese plan de emprego”, asegura Pedreira e, polo tanto, “ela mesma decidiu, xunto cos seus compañeiros no Goberno Provincial, que Cervo non se beneficiase desta medida”. Para a edil os socialistas “nin comen nin deixan comer”, xa que “non nos apoian e ademais critican as accións que, nós si, poñemos en marcha”.

Apoio ás asociacións
A edil tamén quere deixar claro que “todas as asociacións sen excepción contan sempre co apoio do Concello de Cervo porque precisamente esa é a forma de traballar que mantemos no goberno local, a de poñernos á súa disposición para todo o que precisen á hora de organizar iniciativas e actuacións que beneficien aos veciños. Igual moitas asociacións de Cervo non poden dicir o mesmo doutras administracións”.

Exit mobile version