Site icon Crónica3.com A Mariña

Pérez Herraiz anuncia que, dende 2011, o Goberno Central retirou o bono social da luz a 4.760 lucenses

Lugo, 21 de outubro de 2014.- A deputada no Congreso Margarita Pérez Herraiz denuncia que o Partido Popular votase en contra da Proposición de Lei presentada polos socialistas para esixir ao Goberno Central que garanta unha tarifa social de luz, gas, butano e propano como un dereito social básico para os consumidores máis vulnerables, sobre todo, cando, a través dos datos facilitados en resposta a unha pregunta plantexada polo Grupo do PSOE, se revela que, dende 2011, o Executivo de Rajoy retirou o bono social eléctrico a 4.760 lucenses.

Deste xeito, considera que o “PP é o único responsable de que en moitos fogares da provincia se pase frío este inverno”, ao tempo que lamenta “a falla de ética amosada, pois todos puidemos saber que 37.016 galegos xa non dispoñen desta axuda dende hai tres anos. E, no caso da provincia, o número de familias beneficiadas por este bono pasou de 45.292 en 2011 a 40.532 a finais de 2013”.

Para a socialista, “trátase dunha situación intolerable, que repercute negativamente nunha provincia como a nosa que, ademais, ten as pensións máis baixas de España. E son, precisamente, os pensionistas os que están sostendo as economías de moitas familias en Lugo. Pero semella que isto ao Sr. Rajoy non lle importa, senón que aínda o agrava máis, subíndolles a luz un 11%, deixándoos así abandonados á súa sorte”, subliña.

“O PP devalúa a calidade de vida dos lucenses”
En Galicia, o gasto anual en electricidade, gas e outros combustibles é de 1.361.186 euros, cunha media anual do gasto de 1.282 euros. Neste contexto, e segundo datos publicados polo Institituto Nacional de Estatística (INE), un 7% de familias galegas non poden manter os seus fogares cunha temperatura axeitada, de tal xeito que Galicia está por riba da media española de vivendas que sufren “este drama”.

Diante a gravidade da situación, “que demostra que o PP devalúa a calidade de vida dos lucenses cos seus recortes”, os socialistas da provincia presentarán mocións en todos os concellos para frear a pobreza enerxética. “A diferenza está en que nós aportamos propostas socialmente xustas e economicamente viables para recuperar a dignidade perdida. É preciso un gran pacto neste eido, que permita acotar esta lacra, e que ten consecuencias demoladoras para os cidadáns de Lugo”, conclúe Pérez Herraiz.

Exit mobile version