Site icon Crónica3.com A Mariña

Pérez Herraiz promove a solución da supresión das cotas lácteas en Galicia, propoñendo que o Goberno inclúa 25 millóns de euros nos Orzamentos de 2015 para toda a Comunidade

LUGO, 24 DE OUTUBRO DE 2014.- A deputada no Congreso –Margarita Pérez Herraiz- anunciou este venres que, dentro das emendas que os socialistas rexistraron esta mañá aos Orzamentos do Estado, incluíron un investimento de 24.750.000 euros para a provincia, ademais de 25 millóns de euros para afrontar o problema da supresión da costas lácteas en Galicia; un problema que afecta, principalmente, á provincia de Lugo. O obxectivo da proposta, subraia, é “mellorar as relacións contractuais entres produtores e consumidores, ao tempo que se controlen as consecuencias que provocan no sector a liberalización do mercado”.

Deste xeito, esta é unha das principais emendas presentadas este venres no Congreso dos Deputados e que está destinada a potenciar os principais sectores estratéxicos desta provincia, pois, a maiores do apoio solicitado para o sector lácteo, os socialistas propoñen un plan de axudas para as paradas biolóxicas do cerco galego e da Mariña, por valor de 3 millóns de euros.

“As nosas propostas están motivadas porque non compartimos as prioridades nin a ideoloxía que marcan as contas do Estado, e que son efecto consecuente de medidas tan drásticas aplicadas polo Executivo de Rajoy como as reformas laboral e fiscal, así como o abandono social, referido ao recorte nas bolsas de estudo, en dependencia e en políticas activas de emprego”. Por este motivo, destacou que as emendas rexistradas e que terán que ser aprobadas en Pleno, van encamiñadas a favorecer tamén “o rescate a familias e autónomos, á reindustrialización con impulso da formación profesional e a iniciativas para reducir o desemprego, así como a diminuír o forte declive poboacional das provincias do interior. Neste senso, tamén solicitamos un plan demográfico para Lugo e Ourense dotado con 10 millóns de euros”, indicou.

Máis de 22 millóns para infraestruturas na provincia
Con respecto aos investimentos en infraestruturas para a provincia, e logo da importante baixa rexistrada na execución das partidas do Ministerio de Fomento, pois só a aportación de ADIF o vindeiro ano será un 25% menos do que a administración central propuxera en 2014, as emendas do PSOE, tal e como indicou a deputada socialista, están dirixidas a que a execución se aproxime máis ás previsións e á impulsar infraestruturas viarias “que son imprescindibles para Lugo, e que permitirán vertebrar o noso territorio co resto de provincias e Comunidades limítrofes”.

Neste senso, as propostas presentada neste eido suman un total de 22.050.000 euros, e están destinadas a favorecer a chegada do AVE a Lugo, incluíndo para elo a recuperación do proxecto da Intermodal, así como a impulsar as principais autovías que conectarían Lugo co resto de provincias.

Son as seguintes:
– Estación Intermodal de Lugo: 2.000.000 euros

– Variante da Pobra de San Xillao: 2.000.000 euros

– Estudos para LAV Ponferrada-Monforte: 250.000 euros

– Estudos para LAV Lugo-A Coruña: 150.000 euros

– Estudos para LAV Ourense-Lugo: 2.000.000 euros

– Estudo dun plan para a implatación dos servizos de cercanías en Lugo: 150.000 euros

– Plan de Transporte de Mercadorías: 1.000.000 euros

– Conservación e mantemento: 2.000.000 euros

– Seguridade Vial: 500.000 euros

– Seguridade Vial (A-8): 1.000.000 euros

– A-72 (Lemos-Chantada): 1.000.000 euros

– A-56 (Lugo-Ourense): 1.500.000 euros

– A-76 (provincia de Lugo): 500.000 euros

– N-636 (variante Mondoñedo): 500.000 euros

– Desdobramento Ronda Norte en Lugo: 500.000 euros

– Ronda urbana, antiga N-120, en Monforte de Lemos: 500.000 euros

– Ponte Nova Aceña sobre o río Cabe (Monforte de Lemos): 500.000 euros

– N-120 A., de Castro de Ferreira de Pantón ao límite do municipio de Monforte (ensanche e mellora): 1.000.000 euros

– A-82 Barreiros-San Cibrao: 2.000.000 euros

– Plan de supresión de pasos a nivel: 3.000.000 euros

Posta en valor da Ribeira Sacra e da Costa lucense
Asimesmo, os socialistas incluíron 10 millóns de euros para favorecer o desenvolvemento socioeconómico da Ribeira Sacra, formada polas provincias de Lugo e Ourense, e 1.400.000 para o impulso da Mariña de Lugo. Neste último caso, as partidas son as seguintes:

– Control de regresión da Costa de Lugo: 500.000 euros

– Protección e recuperación de sistemas litorais en Lugo: 500.000 euros

– Dotacións para o acceso e uso público da Costa de Lugo: 400.000 euros

Outras emendas
Ademais, con cargo aos Ministerio de Interior e de Medio Ambiente, os socialistas solicitan que se engadan dúas partidas por valor de 800.000 euros. Dentro do primeiro departamento, propoñen 500.000 euros para a nova Comisaría do Corpo Nacional de Policía de Monforte de Lemos e, no segundo, 300.000 euros para a traída de augas de A Fonsagrada.

Exit mobile version