Site icon Crónica3.com A Mariña

Polos aseos da Praia das Catedrais pasaron máis de 28.000 persoas entre o 16 de xullo e o 21 de setembro

Ribadeo, 23 de outubro de 2014. Polos aseos da praia das Catedrais pasaron desde o 16 de xullo ao 21 de setembro máis de 28.000 persoas, cifra que lle supuxo uns ingresos ao Concello de 14.188 euros. O concelleiro de Medio Ambiente, Horacio Cupeiro, subliña que os visitantes estiveron contentos coa limpeza dos baños e considera que “os veciños tamén deben estalo por intentar facer o servizo sostible no tempo”.

O edil nacionalista contou esta tarde que “unha vez feito balance no referente aos baños das Catedrais podemos comunicar aos nosos veciños que dende o Concello estamos contentos do resultados acadados tanto economicamente como no aspecto hixiénico sanitario. Os datos reflicten uns ingresos de 14.188 euros e uns gastos de 26.809. Polo tanto tivemos un déficit de 12.620 e isto foi debido a que no mes de xuño e na primeira quincena de xullo non puidemos cobrar porque a ordenanza non se podía aplicar. Dispensáronse 28.377 tíckets e o día de maior número foron 800”. A ecotaxa nos aseos das Catedrais aplicouse por primeira vez neste 2014 e estivo vixente desde o 16 de xullo ata o 21 de setembro. Horacio Cupeiro considera que “si se tivera implantado desde o 1 de xuño poderían cubrirse integramente coa ecotaxa os gastos ocasionados”. Ese déficit de máis de 12.000 euros asúmeo o Concello de Ribadeo.

O concelleiro de Medio Ambiente indicou que “os gastos máis importantes foron os de persoal, xa que creamos tres postos de traballo durante 4 meses; en vestiario para o persoal; en material, sobre todo deterxente, pero tamén papel hixiénico e de mans; o baleirado da fosa séptica e a limpeza dos seus lodos; a gasolina da motobomba; os tíckets; e un panel informativo que puxemos fronte aos baños”.

Segundo Horacio Cupeiro “os visitantes saían contentos pola limpeza dos aseos e os veciños tamén debemos estar contentos por intentar facer o servizo sostible no tempo. A verdade é que non temos beneficios, que xa non contábamos con eles este ano, pero tampouco temos débedas”. E agradeceu no nome do Concello “tanto á Deputación de Lugo como a Costas, do Estado, pola subvención para os baños e a fosa séptica, respectivamente”.

Exit mobile version