Site icon Crónica3.com A Mariña

PSdeG, BNG e iVi convocan un Pleno extraordinario en Viveiro para “instar á Consellería a rectificar e cubrir a praza libre do IES Vilar Ponte”

Os grupos municipais de iVi, PSdeG-PSOE e BNG de Viveiro solicitan a celebración dun Pleno Extraordinario para este venres 17 de outubro ás 20.00 horas para abordar unha única moción relativa ó conflicto no IES Vilar Ponte.

Estes tres grupos impulsan unha iniciativa conxunta de apoio á comunidade escolar ante o conflicto coa Consellería de Educación pola decisión de “deixar sen cubrir unha praza de profesor/a”.

Así, consideran “inaceptable a comunicación a estas alturas do curso dunha decisión contraria ás previsións existentes; máis tendo en conta que neste curso xa se deixaran sen cubrir outras prazas obrigando a modificar horarios e afectando, incluso a outras actividades educativas coma as visitas ó laboratorio ou a atención da biblioteca”. Igualmente consideran “intolerable que a alternativa proposta pola Consellería sexa aumentar o ratio das aulas”; xa que “merma indiscutiblemente a calidade da educación e que converte a alumnos e profesores nos grandes perxudicados desta decisión”.

Por outra banda, tampouco comparten “a decisión da directora nomeada pola Delegación Territorial de Educación de denunciar a dúas nais que o pasado venres se presentaron no centro educativo, xunto a máis proxenitores, para trasmitir as súas reclamacións a profesores e alumnos, considerando que se trata dunha medida inxustificada e innecesaria ante unha actitude derivada da lóxica preocupación dos pais pola educación dos seus fillos”.

Con todo, piden a aprobación de tres acordos:
1.- Instar á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para que reconsidere a súa decisión cubrindo, para o presente curso e á maior brevidade posible, a praza de profesor/a prometida no IES Vilar Ponte.

2.- Instar á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para que reconsidere a súa decisión e faga retirar as denuncias interpostas contra dúas nais que se manifestaron no interior do IES Vilar Ponte de Viveiro o venres 10 de outubro.

3.- Poñer en coñecemento de tódolos grupos que forman a Cámara do Parlamento de Galicia para que ratifiquen e apoien os puntos anteriores e esixan ó goberno autónomo maior control para que estas situacións e incidencias non se volvan a dar en ningún dos centros de ensino da nosa comunidade autónoma.

Exit mobile version