Site icon Crónica3.com A Mariña

Raquel Arias insta ao alcalde de Ribadeo a coordinar accións paralelas ao Plan de Conservación das Catedrais

Lugo, 28 de outubro de 2014.- A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, instou este martes ao Concello de Ribadeo e en particular ao alcalde de Ribadeo a “coordinar a todas as administracións no entorno da praia das Catedrais de cara a realizar unha xestión máis eficiente das achegas económicas e dotacións que se dispoñan para a zona”.

Arias, en declaracións a Cope Mariña, subliñou que, paralelamente ao Plan de Conservación que elabora a Xunta, sería necesario coordinar as accións que será necesario executar, no que se refire a estradas, medios de transporte ou dotacións e servizos públicos, e explicou que ese traballo de coordinación debe asumilo o concello de Ribadeo.

Neste sentido, convén recordar que tanto o Goberno central, como a Xunta, a Deputación Provincial de Lugo e Concello de Ribadeo posúen competencias relacionadas con esta zona.

Arias considerou que “agora, que se está a elaborar o Plan de Conservación, é o momento de establecer as bases de colaboración para as medidas futuras que as distintas administracións deban executar no marco das súas competencias”.

Deste xeito, continuou, favorecerase “a optimización dos recursos que se dispoñan para a mellora do Monumento Natural da Praia das Catedrais, evitando duplicidades entre administracións e, por suposto, gastos innecesarios”.

Elaboración do plan e aportacións realizadas pola Xunta
Con relación ao traballo que xa se está a desenvolver Conservación da Natureza para a elaboración do Plan de Conservación do Monumento Natural da Praia das Catedrais, a delegada asegurou que dende o Executivo galego seguirase coas conversas coas asociacións da zona, co Concello e con todos os axentes implicados co obxectivo de conseguir que o plan resultante sexa froito do maior consenso e permita a conservación das Catedrais e tamén o desenvolvemento económico da zona.

A Xunta destina nos orzamentos do próximo ano 100.000 euros á redacción do Plan de Conservación, que se prevé estará aprobado no verán do 2015.

Ademais, xa se implantaron outras medidas no pasado verán, como a disposición dun servizo de guías informativos que orientaron aos usuarios do areal e a instalación de paneis informativos sobre este entorno. No seu conxunto, esta medida, xunto coa elaboración do plan de conservación, implican un investimento de 160.000 euros, que serán aportados polo Goberno galego.

Pero a colaboración por parte da Xunta de Galicia con Ribadeo para facilitar medidas relativas á praia das Catedrais engloban tamén distintas actuacións que se levan a cabo a través da Mancomunidade de Municipios da Mariña, así como financiación da contratación dunha persoa para o servizo na oficina de información turística de Ribadeo e tamén de dez socorristas nos areais ribadenses, boa parte deles que estiveron destinados no areal das Catedrais.

Por último, o Executivo galego entregou 4.200 guías informativas sobre a Mariña lucense que estiveron dispoñibles nas oficinas de turismo da praia das Catedrais e de Ribadeo. Estas medidas súmanse ás actuacións postas en marcha para a regulación do uso público e a conservación da praia e o seu entorno.

Exit mobile version