Site icon Crónica3.com A Mariña

Sanidade desenvolve a campaña de vacinación fronte á gripe e o pneumococo con 161 puntos de vacinación

211014 Presentación da campaña de vacinación contra a gripe 2014-2015Lugo, 21 de outubro de 2014.- A Consellería de Sanidade iniciou esta semana a Campaña de Vacinación fronte a gripe e o pneumococo 2014. Dita campaña finalizará o 20 de decembro. A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, presentou hoxe a campaña, acompañada pola xefa territorial de Sanidade, Purificación Rivas, e destacou que a provincia de Lugo conta cun total de 161 puntos de vacinación, aos que os lucenses poden acudir para recibir as correspondentes vacinas.

A Consellería de Sanidade prevé superar este ano a taxa de vacinación fronte á gripe acadada na campaña do ano pasado e “chegar a unha cobertura do 65% ou máis da poboación diana”, indicou Arias.

Tradicionalmente, a provincia de Lugo, xunto coa de Ourense, son as que rexistran unha maior participación nestas campañas, que teñen por obxectivo diminuír o número das complicacións derivadas da gripe e a súa gravidade, así como diminuír a morbi-mortalidade das enfermidades causadas polo streptococo pneumoniae.

A campaña de vacinación fronte a gripe e o pneumococo 2014, que durará máis de oito semanas, está destinada a todas as persoas de 60 ou máis anos e as pertencentes aos grupos de risco. Inclúense nos grupos de risco da antigripal as persoas con enfermidades crónicas cardiovasculares ou respiratorias; persoas institucionalizadas con procesos crónicos; as persoas con enfermidades metabólicas crónicas ou inmunodeficiencias; os nenos e adolescentes -de seis meses ata 18 anos- con tratamentos prolongados de aspirina; as persoas con obesidade mórbida; e as mulleres embarazadas durante a temporada de gripe.

Inclúense tamén na poboación diana os grupos con posibilidade de transmitir a gripe a outras persoas de alto risco, como os traballadores de centros sanitarios e sociais, e tamén as que desenvolven traballos esenciais para a comunidade, como policías e bombeiros; as que pola súa ocupación poden estar en contacto con aves; e os viaxeiros internacionais.

Organización da campaña
Utilizaránse dúas vacinas, unha para a poboación xeral, intramuscular, e outra indicada para a poboación maior de 75 anos, ou que viven en residencias, intradérmica, que induce unha mellor resposta defensiva. Ambas son moi seguras e as reaccións que poden producir adoitan ser moi lixeiras e pasaxeiras.

Galicia conta con máis de 900 puntos totais de vacinación, 161 deles na provincia de Lugo, entre os que se atopan centros de saúde e consultorios; centros hospitalarios públicos; os hospitais, centros médicos e consultas médicas privados; residencias e centros para a terceira idade de titularidade pública ou privada; unidades asistenciais de drogodependencias; centros penitenciarios; e centros de atención a discapacitados.

Os interesados en vacinarse deben poñerse en contacto co seu centro de vacinación onde lle informarán de cómo e onde solicitar a cita. As persoas con 60 ou máis anos, así como aquelas que sufran enfermidades crónicas, deben acudir ao seu médico de cabeceira ou centro de saúde onde serán informados das vacinas que deben recibir.

Sanidade lembra á cidadanía que a vacinación durará máis de oito semanas e hai tempo suficiente para facela progresivamente. Por isto, dende a Consellería de Sanidade solicítase á poboación que, para evitar a sobrecarga do sistema asistencial, non se acuda masivamente os primeiros días da campaña.

Tempada previa
O ano pasado en toda a provincia de Lugo administráronse 53.135 doses de vacinas antigripais entre persoas maiores de 60 anos, acadando unha cobertura para esta franxa de idade do 52%, que este ano se prevé incrementar.

Así mesmo, na campaña do 2013 vacináronse tamén nesta provincia 10.655 persoas menores de 60 anos, o que deparou que un total de 63.790 persoas fosen vacinadas no territorio lucense durante a tempada do pasado ano.

Exit mobile version