Site icon Crónica3.com A Mariña

Santiago de Reinante acollerá o 26 de outubro a 1/2 km vertical Monte Comado

A finais deste mes, concretamente o día 26 de outubro, celebrarase na Mariña lucense unha nova carreira popular, nun formato novidoso na zona, xa que non hai outra deste tipo en toda a provincia de Lugo. Trátase da carreira “1/2 km vertical Monte Comado”, que se celebrará na localidade barreirense de Santiago de Reinante.

Esta carreira é do estilo chamado “verticais”, que consiste en subir unha altura importante na menor distancia posible. Nesta ocasión, cunha distancia de 4.400 metros alcanzarase case o medio quilómetro de altitude, que é o que ten a cima do monte Comado.

A saída está prevista para as 11.00 horas na praia de Arealonga, en Santiago de Reinante, xusto ó nivel de mar, transcorrerá por pistas asfaltadas e camiños de terra ata chegar á propia saia do monte, onde se tomará un camiño forestal de subida a Comado. Neste último tramo, de aproximadamente 1,5 km, atópase a maior dificultade, debido especialmente ó desnivel do terreo. Tamén nesta zona, e a partir de medio km antes da meta, os participantes poderán gozar das mellores vistas da Mariña.

Esta carreira é unha boa opción para iniciarse nas carreiras de montaña, que tanto auxe están collendo ultimamente, así como nas de tipo vertical, que son menos comúns na xeografía española e, especialmente, na galega.

Inscrición
A inscrición será gratuíta e está aberta ata o día 23 de outubro. A información da carreira está exposta na web http://mediokmverticalmontecomado.jimdo.com, en Correr en Galicia e noutras webs dedicadas ás carreiras de montaña.

Ó término da carreira e a entrega de trofeos, organizarase por parte da comisión de festas de Santiago Apóstolo de Reinante, unha comida para todas aquelas persoas que desexen participar. Será no restaurante A Yenka (praia de Reinante) e constará dun menú de callos (posibilidade de cambiar por outro prato) e churrasco con patacas e ensalada, sobremesa, bebida e café. O prezo por persoa será de 15 euros. Haberá tamén un menú infantil ao prezo de 6 euros. Os interesados en participar na comida, deberán contactar no teléfono 669 021 561.

A carreira coorganizada pola Comisión de festas de Santiago Apóstolo de Reinante, Café Bar Moderno, Hotel Ría do Masma, Peña Barcelonista San Miguel, CD Praias de Barreiros e Activot e colaboran a Vicepresidencia primeira da Deputación de Lugo (área de deportes), Concello de Barreiros, Xunta de Galicia (Deporte e Saúde) e a Agrupación de protección civil de Barreiros.

Exit mobile version