Site icon Crónica3.com A Mariña

Santín e Val pedirán no Parlamento que a Xunta estableza medidas compensatorias ás familias da Mariña afectadas polo abuso das eléctricas

Foz, 20 de outubro de 2014.- Os deputados autonómicos –Juan Carlos González Santín e José Ramón Val Alonso-, acompañados da Vicepresidenta Segunda da Deputación –Lara Méndez-, anunciaron esta tarde, trala reunión que mantiveron cos representantes da Plataforma de Afectados polos Abusos das Eléctricas da Mariña, que pedirán no Parlamento que a Xunta de Galicia estableza medidas compensatorias para todas aquelas familias da comarca que poidan verse prexudicadas inxustificadamente por esta medida xurdida do proceso de liberalización do mercado imposto por Europa, e que foi refrendada polo Goberno Central. Asemade, os deputados socialistas tamén preguntarán ao Goberno galego que hai de certo nas acusacións realizadas pola Plataforma de suposta prevaricación por parte de funcionarios da Xefatura Provincial de Lugo a favor das distribuidoras e comercializadoras.

González Santín e Val Alonso asumiron este compromiso, logo de coñecer en primeira persoa as graves consecuencias que está a provocar esta proceso aos mariñanos. Neste senso, analizaron, en primeiro lugar, a neglixencia rexistrada na lectura real dos contadores dixitais e que, na maior parte das ocasións, supera nun 15% o consumo dos analóxicos. En segundo termo, referíronse á problemática ocasionada pola substitución dos dispositivos, debido a que estes non están homologados.

Deste xeito, os deputados autonómicos subliñaron que “non imos parar de presionar, pois esta situación provoca unha incerteza inxustificada na veciñanza, xa que, de ter que facerse este cambio, este debería ser a custo 0 para os cidadáns. Isto é o que defendemos, e isto é o que trasladaremos no Parlamento de Galicia”, destacou Santín.

Traballo dos socialistas
“O Partido Socialista xa leva traballando nisto hai tempo. Temos que lembrar que, grazas a esta presión conxunta, xa conseguimos que o Valedor do Pobo se dirixise á empresa subministradora do servizo para que facilitase documentación sobre a homologación dos contadores, pero a entidade eléctrica non proporcionou nada. Esta circunstancia foi, precisamente, a que provocou que o Valedor instase á Consellería de Industria para que esta emprendese dilixencias contra a empresa eléctrica”, indicou.

Deste xeito, o presidente da Plataforma –José Luis Moñita- denunciou que, tras preto de dous anos dende que a Xunta de Galicia, que é a que ten as competencias na materia, solicitase a documentación obrigatoria dos equipos á empresa distribuidora, e de ser incapaz de obter dita documentación e, polo tanto, de asegurar aos cidadáns que se está a cumprir coa normativa, cremos que os veciños deben ter a certeza de que se lles está a facturar en base a lecturas que cumpran con todas as garantías, e que, polo tanto, pagan polo que realmente consumen e non polo que lle din que consume, pois a Xunta tamén ten probas de que se están a reprogramar estes equipos dende a distribuidora sen aviso ao titular. Non é normal que a empresa distribuidora poida cambiar parámetros do contador e incluso modificar os consumos ao seu antollo sen ofrecerlle garantías ao cidadán. Pola contra, técnicos da Xunta de Galicia si que actúan con celeridade ante denuncias da distribuidora por posibles irregularidades nestes equipos por parte dos usuarios, chegando incluso a deixar aos abonados sen subministro”, indicaron”.

A este respecto, Moñita lembrou que a Plataforma xa presentou documentación na Fiscalía de Mondoñedo para que se investigue unha suposta posible prevaricación de varios funcionarios da administración autonómica a favor de esta empresa distribuidora.

Estas son as consecuencias dos gobernos do PP
O cambio dos contadores enmárcase no proceso de liberalización do mercado eléctrico para millóns de fogares, logo de que o Goberno Central refrendase esta medida imposta por Europa co fin de diminuír o custo da tarifa de último recurso (TUR) para as arcas públicas. A TUR foi creada en 2009 a modo de refuxio para unha potencia instalada inferior ós 10 quilovatios, unha categoría na que se inclúen practicamente todos os fogares da Mariña. Esta situación, tal e como recoñecen os socialistas de Barreiros, increméntase coa substitución dos equipos de medida polos novos dixitais adaptados para telexestión. Coa súa instalación, detéctase, ademais, un incremento na medida de consumo dos fogares próximo ó 10%.

Total indefensión dos usuarios
Esta forma de entender a normativa crea unha situación de total indefensión dos usuarios fronte ás compañías comercializadoras e distribuidoras. Ademais, dáse a particularidade de que cando se lle corta o subministro a un particular por falta de pago, resúltalle máis sinxelo obter a reposición do devandito subministro que a un abonado ó que a interrupción se fixo de forma irregular. O corte por falta de pago subsánase en 24 horas unha vez realizado o pago pendente pero, se o corte é irregular ou inxustificado, o titular ten que presentar reclamación en Industria, agardar a que este Departamento conteste e a que se resolva todo o procedemento administrativo.

Ademais, non se ten coñecemento da contía das sancións impostas ás comercializadoras por parte de Xunta de Galicia. Do que si existe coñecemento é de que se está a sancionar a estas empresas en base a una lei de consumo galega de 2012, a pesares de existir unha normativa mais moderna que impón sancións moito mais importantes para elas.

A Mariña, unha das zonas máis afectadas da provincia
Os problemas coa facturación eléctrica seguen provocando complicacións en varios concellos da provincia, sendo A Mariña unha das zonas máis afectadas. Deste xeito, constatáronse denuncias de varios veciños de concellos como Barreiros ou a Comunidade de Propietarios de Cervo que, no prazo dunha semana, recibiron doce facturas de consumo eléctrico por un importe superior ós 10.400 euros; cantidade que non se corresponde co que realmente deberían pagar debido a unha lectura estimada dos seus contadores.

Neste caso concreto, o consumo eléctrico é duns 1.365 euros, sen embargo, a factura recibida é 5 veces maior: 5.314 euros. Polo que se refire aos servizos comúns o custe dos mesmos é duns 750 euros, pero agora a compañía pasa a cobrarlles 5.114 euros, é dicir, seis veces máis do consumido. Noutros casos, tendo presentada e rexistrada a reclamación en Industria ou Consumo, a interrupción tamén se realiza sen que o Executivo galego resolva e sen a autorización pertinente.

Reunión da executiva
Logo da xuntanza cos representantes da Plataforma de afectados, o secretario Provincial tamén presidíu a reunión que a executiva do PSdeG de Lugo celebrou en Foz. Trátase da primeira xuntanza que este órgano do Partido celebra na Mariña, e enmárcase no obxectivo anunciado por González Santín cando se proclamou dirixente dos socialistas da provincia de achegarse a todas as agrupacións da provincia, co fin de atender e de dar unha resposta eficaz ás súas necesidades.

Neste caso concreto, os socialistas analizaron a situación que atravesou o Partido deste municipio nos últimos meses e anunciaron que, dende o mes de setembro, data na que a executiva provincial remitiu ao órgano federal o expediente dos dous edís para tramitar a súa expulsión, o Partido xa recuperou preto do 50% das baixas producidas, supostamente, a causa desta confrontación.

Exit mobile version