Site icon Crónica3.com A Mariña

Técnicas propagandísticas. Lección 1

Ou como se autopromociona o Alcalde co diñeiro da Xunta
Ben seguro estrañará que a que asina escolla a primeira foto que acompaña esta reflexión e, incluso, aos malpensados acordaralles en primeiro termo a vella, recorrente e obsesiva estratexia do Grupo Mixto do concello (o concelleiro da UPRI e o do PSOE) do inexistente, ademais de absurdo, pacto/idilio BNG/PP. Pois nada que ver coa realidade. Esta instantánea amosa o que é a base fundamental da técnica propagandística do Sr. Alcalde de Ribadeo.

Analicemos brevemente a imaxe con dúas sinxelas cuestións:

“¿Que vemos?”
Resposta: Ao Alcalde nun posto de verduras da Praza de Abastos e

“¿Que parece?”
Que ao Sr. Suárez lle gustan as coliflores do país.

A priori, nada estraño.

Pero coloquemos agora a foto no contexto no que aparece: ilustra unha nota de prensa do Alcalde publicada no seu NO-DO particular (perdón, na páxina web do Concello), titulada “Reapertura da Praza de Abastos”. Isto cambia o resultado da análise, que ven a ser o seguinte:

“¿Que é?”
Unha fotoreportaxe máis do “book” publicitario do señor Alcalde (que xa incluía a foto con casco na paleadora, con casco tamén nas obras da torre, mallando no trigo -sen equipa de protección neste caso-, etc, etc..)

Por certo, facendo un inciso, cometeu un inmenso erro do que debe estar aínda lamentándose amargamente: fáltalle no seu álbume unha foto que o encumbraría ao estrelato, a foto no San Miguel co “pequeño Nicolás”, pero para a súa desgraza non foi consciente no momento de que sería do máis acaído para ilustrar o seu periplo televisivo destes días a conta do “incidente de Ribadeo” como lle chaman á estafa maiúscula do indecente xove.

E, en segundo lugar, “¿qué parece?”
Que el mesmo fixo as obras de remodelación da Praza de Abastos ou, cando menos, que as pagou o concello.

Pois non, amigos, é, de novo, propaganda e autobombo co diñeiro da Xunta. Eu infórmolles que a obra de restauración da estrutura e pintado da Praza de Abastos de Ribadeo tivo un custo de 63.000 Euros, dos cales a Xunta de Galicia aportou 49.490 € e o concello o resto.

Posto que como Concelleira do PP estou moi orgullosa do resultado das obras e de que a Xunta de Galicia, unha vez máis, pese ao que nos queren vender desde o Concello, invista no noso pobo, achego a foto da dereita que me parece moito máis acaída para amosar a nova estética da Praza e a obra que se acometeu.

A verdade é que pensei en saír eu na mesma pose que o alcalde pero non quero estragarlles a preciosa vista da Praza porque non son tan fotoxénica coma el nin tampouco teño álbume político para colocala despois.

Iso si, quero que quede ben claro que os produtos da horta do noso concello son dunha inmellorable calidade; que os praceiros de Ribadeo son uns magníficos profesionais e ofrécennos os mellores produtos, coa máxima frescura e co mellor prezo e, por último, que todos debemos apostar polo comercio local porque é apoiar “o noso” e axudar ao desenvolvemento do noso pobo. Postos a facer publicidade, a deste artigo que a leve quen a merece.

Ah, que me esquecía, que a min tamén me encanta a coliflor!!!!

Azucena González Loredo
Concelleira do PP no concello de Ribadeo.

Exit mobile version