Site icon Crónica3.com A Mariña

Tres alcaldes lucenses piden ó presidente da Xunta que tome como referencia a xestión da Deputación e proceda ao pagamento inmediato dos 180.000 euros que lles adebeda dos GES

LUGO, 8 DE OUTUBRO DE 2014.- O secretario de Política Municipal –Álvaro Santos-, e os alcaldes de Becerreá, A Fonsagrada e A Pontenova –Manuel Martínez, Argelio Fernández e Darío Campos- pediron este mércores que a Xunta de Galicia tome como referencia a xestión da Deputación de Lugo e salde de inmediato a débeda contraída con eles pola liquidación dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), e que ascende a 180.000 euros en cada caso. Destes, 30.000 corresponden á anualidade de 2013 e, os 150.000 restantes, a de 2014, precisou Manuel Martínez.

E é que a institución que preside o líder do PSdeG –José Ramón Gómez Besteiro- mantén ao día as súas obrigas, tal e como establece o convenio que rexe o funcionamento de servizo. Concretamente, pagou ou está a ingresar un total de 340.000 euros aos Concellos cumpridores, é dicir, aos que entregaron a documentación necesaria para acreditar o cumprimento do convenio, e que son os indicados, máis os de Monterroso e Cervo. Deste xeito, os fondos que aporta o Goberno galego son os máis elevados. Representan o 60% e, o 40% restante, correspóndelle á Deputación e aos concellos.

O rexedor de Becerreá, que neste caso actuou como voceiro dos alcaldes aos que o Executivo adebeda esta cantidade, subliñou que “o que demandamos é que a Xunta cumpra os seus compromisos. É dicir, que non só nos adiante o de 2014, senón que nos pague o do pasado ano. En xullo recibimos unha carta que nos ían adiantar 10.000 euros e que, proximamente, nos abonarían as cantidades pendentes. Pero, a data de hoxe, seguimos sen recibir un só euro”. Neste senso, e tendo en conta que “o apoio da Deputación é a única forma de subsistir”, solicitaron ao presidente galego, que estes días comparece no Parlamento “e presume de ser un bo pagador e de facer as cousas correctamente, que deixe de parasitarnos, xa que, se non fose polo organismo provincial, nestes momentos, xa tería que pecharse este servizo e mandar a este persoal, que se formou e especializou na academia da Estrada, á súa casa”.

O cumprimento da Deputación en cifras
Por este motivo, os socialistas, entre os que tamén se inclúe o alcalde de Monterroso (este non puido asistir á rolda de prensa por coincidir coa Xunta de Goberno local), loubaron o proceder do organismo provincial. E é que esta institución, ademais de cumprir escrupulosamente con eles, tamén forzou unha reunión coa Xunta e Folgoso do Courel, Quiroga e Guitiriz para desbloquear o pagamento logo de que se incumpriran as condicións establecidas no convenio. Neste encontro, estes tres municipios acordaron entregar a documentación que acredite o cumprimento do convenio, ao igual que fixeron os restantes Concellos. A Deputación está agora a avaliar a información recibida.

En canto aos fondos aportados pola Deputación, estes distribúense do seguinte xeito:

– 110.000 euros corresponden ao anticipo do 75% de 2013. O organismo provincial ingresou a cada concello un total de 21.875. No caso de Cervo, esta cantidade foille compensada, xa que mantén unha débeda coa institución luguesa de 100.000 euros polo recargo do IAE entre 2009 e 2012.

– Outros 36.500 euros pola xustificación do 25% do pasado exercicio. Neste caso, cada entidade local percibiu 7.300 euros.

– E, os 150.000 euros restantes, corresponden ao anticipo do 75% de 2014 que a institución de Gómez Besteiro tamén está a aboar a ditas entidades locais, agás a de Cervo. Isto débese, a que o municipio mariñano aínda non entregou a documentación necesaria para poder cobrar este anticipo que acende a 37.500 euros.

A Xunta bloqueou as transferencias
Segundo destacaron os rexedores, a administración autonómica é a única responsable do retraso no pagamento que deben facer todas as administracións para o mantemento deste servizo. Boa proba delo, asegura Manuel Martínez, é que bloqueou as transferencias dende o comezo e de xeito reiterado.

PRIMEIRO: na redacción do convenio, a Xunta non determinou como as administracións tiñan que facer os pagos aos municipios para axustarse á legalidade. A Deputación de Lugo tivo que alertar desta situación ao Goberno galego quen, a pesares de recoñecer “este erro”, tardou máis de 6 meses en darlle solución. Esta desidia supuxo que os Concellos non recibisen nin un só euros polos GES durante máis de medio ano, e que a ata comezos do actual, as administracións non puidesen realizar o anticipo do 75% de 2013. Foi entón cando a Deputación ingresou os 110.000 euros aos concellos cumpridores: Becerreá, Cervo, A Fonsagrada, Monterroso e A Pontenova.

SEGUNDO.- Despois non fixou que gastos tiña que financiar cada administración, nin tampouco especificou que documentación tiñan que presentar as entidades locais para poder recibir o 25% restante de 2013 e cumprir así coa Lei de Subvencións. Isto provocou que o organismo provincial tivese que esixir ao Goberno galego que solventase este segundo bloqueo nos pagos aos municipios. A administración autonómica non o fixo ata mediados deste ano, polo que os concellos aínda están a recibir agora os últimos pagos de 2013. Para tentar compensar os impagos da Xunta, a Deputación tamén lles está a ingresar o anticipo do 75% de 2014.

E tampouco contesta aos alcaldes
A este incumprimento, hai que engadir que o Executivo de Feijóo segue sen contestar á carta remitida polos alcaldes no mes de xuño, e a través da que lle solicitaban unha entrevista ao presidente autonómico, co fin de aclarar os motivos polos que esta administración aínda non cumprira coa súa obriga. A intención era, tal e como subraiaron no seu día os socialistas, que se lles concedese o mesmo trato que ao resto de concellos galegos.

“A Xunta non só non colabora connosco, senón que aguanta os cartos que tiñamos que ter ingresados. Para nós isto é moi grave, xa que nos desequilibra o presuposto, pois temos que facer fronte a gastos como o de gasoil, que se nos disparan. Son grupos imprescindibles de atención aos cidadáns. Pero Feijóo non se dignou nin a contestarnos”, denunciou Martínez.

Exit mobile version