Site icon Crónica3.com A Mariña

Un centenar de estudantes participaron no obradoiro “Activando o teu futuro”, celebrado no IES de Foz

291014 Foto Activando o teu Futuro en Foz (1)Foz, 29 de outubro de 2014.- O Instituto de Educación Secundaria de Foz acolleu onte pola tarde o obradoiro Activando o teu futuro, enmarcado dentro do Programa Activa 2014 da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, da Xunta de Galicia. Nel participaron case un centenar de alumnos que cursan ciclos formativos neste centro durante este curso escolar 2014/1015. Os asistentes puideron escoitar os consellos laborais que a dinamizadora da Rede Galega de Dinamización Xuvenil, Ana Seco González, lles ofreceu sobre como atopar novas oportunidades de traballo usando as ferramentas adecuadas. Seco incidiu na necesidade de establecer habilidades e destrezas persoais que motiven aos xoves na busca de emprego ou na toma de decisións á hora de autoempregarse. O director do IES de Foz, Nemesio Rodríguez, agradeceu ao Concello o seu centro para levar a cabo esta iniciativa e comentou que a actividade resultou ter un alto interese entre o alumnado.

O obradoiro Activando o teu futuro tivo unha duración de dúas horas e serviu para explicar aos estudantes as estratexias que deben levar a cabo á hora de buscar emprego. Entre elas destacaron as explicacións de como simplificar un currículo, como utilizar correctamente as redes sociais para atopar traballo, como descubrir unha vocación a través da creatividade e como crear correctamente unha rede de contactos de emprego útil.

Exit mobile version