Site icon Crónica3.com A Mariña

Váiase sr. González. Váiase sr. Alcalde

Partido Popular de Mondoñedo.- O alcalde de Mondoñedo, o nacionalista Orlando González, continúa a dar mostras do moi descentrado que se atopa á hora de xestionar os bens da nosa localidade. Esta vez faino á conta da disparatada iniciativa estrela da Deputación de Lugo de destinar o Mirador a un albergue de peregrinos e que, ata o momento, conta co único apoio do PSOE na institución provincial.

Gobernando en Mondoñedo desde fai case 8 anos e, ao mesmo tempo na Deputación, -administración titular do Mirador-; os nacionalistas e socialistas foron incapaces xa non só de poñer en valor o edificio, senón tamén de realizar o mínimo mantemento das instalacións. Agora, o seu proxecto estrela é regalarllo á institución na que non gobernan, á Xunta. Buscan que outros se fagan cargo deste edificio en mal estado, tapiado, descoidado…, tras condenalo ao esquecemento e practicamente á ruína. É unha xestión máis propia de estratexias políticas, que de responsables que buscan o mellor para o seu pobo, que tanto o necesita.

Desde o Partido Popular de Mondoñedo sempre denunciamos a incapacidade do bipartito provincial para xestionar as infraestruturas que son da súa competencia e reivindicamos a necesidade de recuperar o noso Mirador. Atopámonos, unha e outra vez, coa pasividade do PSOE e do BNG que tan só parecen lembrarse de Mondoñedo para poñerlle deberes aos demais, unha cortina de fume ideal para agochar a súa propia incompetencia, especialmente cando se aproximan citas electorais.

Sería bo que o sr. Alcalde tomase nota da contribución importante doutras institucións do PP co municipio. Contribuíron co avance das concentracións parcelarias de Sasdónigas e Mondoñedo Norte, que suman máis de 1,4 millóns de euros de investimentos; coa adxudicación das obras de mellora da LU-124 (775.000€), que comezarán en breve; coa posta en marcha e financiamento de dous obradoiros de emprego; cos preto de 100.000€ destinados ao arranxo de camiños; coas subvencións recibidas para a creación das brigadas forestais e mantemento do persoal da oficina de turismo; cos arranxos realizados no colexio Álvaro Cunqueiro -instalación eléctrica, pista e dotación novo parque infantil-; coas xestións desenvolvidas para blindar e garantir o mantemento do noso xulgado; coas obras de mellora da estación de autobuses e de limpeza do río Valiñadares; cos apoios e colaboracións realizadas ás nosas festas máis relevantes; co visto bo ao parque eólico singular de Mondoñedo, que suporá un investimento de 3,5 millóns de euros; coa aprobación da cantidade económica que permitiría a canalización das escorrentías derivadas da A-8 que tantos problemas supuxeron aos nosos veciños; coa posta en marcha dunha plan en turismo co apoio de axentes privados, que hoxe podemos afirmar que empeza a dar os seus froitos; co inicio das obras no Camiño de San Rosendo, que gracias á dotación de beirarrúas garantirán o tránsito seguro de peóns ao seu paso pola N-634…

A nosa dispoñibilidade para axudar na resolución dos problemas dos nosos veciños é absoluta e comprometida. Cualificativos que non podemos afirmar da do sr. Alcalde. Ninguén dubida hoxe que desde que asumiron as rendas, a pesar de perder as eleccións, vivir en Mondoñedo é máis caro, máis incómodo, con menos servizos e menos oportunidades. As obras estrela do alcalde son a do entorno do seminario xunto á perda do servizo da educadora familiar, o encarecemento de impostos e a creación dalgúns novos, e incluso, ata o punto de non coidar os proxectos que se presentan en Mondoñedo. O sr. Alcalde non é quen, xa non só de captar proxectos, senón que os que os presentan manifestan en medios o descontento da súa xestión, advertindo incluso da posible perda de inversión. Non sei se vostede ten algún motivo para felicitar ao PP de Mondoñedo, o que si sabemos, sr. Alcalde, é que nos non temos ningún motivo para felicitalo a vostede. O retroceso que está vivindo Mondoñedo con vostede ao fronte, custará recuperalo. Isto escóitase cada día con máis intensidade, xunto con aquela tan repetida frase que se escoitaba tamén fai anos en Madrid: Váiase sr. Alcalde… ata coincide no apelido.

Partido Popular de Mondoñedo.

Exit mobile version