Site icon Crónica3.com A Mariña

Vicepresidencia da Deputación achega 70.000 euros para colaborar con deportistas individuais da provincia

101014-veiga-martinezLugo, 9 de outubro de 2014. O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das áreas de Benestar e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, deu conta este venres na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno do organismo provincial de que a área de Deportes aprobou as bases que rexerán a convocatoria para a anualidade de 2014 das bolsas destinadas a apoiar a deportistas individuais, para o cal se volverán a destinar 70.000 euros. Segundo explicou Antonio Veiga, esta convocatoria ten como finalidade “apoiar a deportistas que competiron en 2013 en modalidades individuais e non poden acceder a outro tipo de convocatorias desta institución e de outras ás que se accede mediante os equipos”, apuntou.

O importe total das axudas non variou con respecto ás convocatorias dos últimos tres anos, manténdose a dotación orzamentaria en 70.000 euros, aínda que si o fixo o baremo para a concesión da subvención, xa que este ano non se valorará só o mellor resultado da tempada, como se viña facendo ata o de agora, senón os dous mellores, algo que serve para restarlle un pouco de presión aos propios deportistas. Manterase a obrigatoriedade de ter competido nun mínimo de catro probas, salvo casos excepcionais. “Manter este investimento supón un esforzo importante para a Vicepresidencia, e máis en concreto para a área de Deportes, pero permite cumprir cun dos obxectivos que sempre nos marcamos, como é a aposta polo deporte de base lucense e polos nosos deportistas. Dúas das prioridades sobre as que sempre xiran as medidas tomadas por este goberno son garantir o benestar social e fomentar o deporte”, apuntou Veiga.

Mínimo de 300 euros e máximo de 200 bolsas
As bases destas axudas establecen catro liñas de axuda segundo a ideade dos e das aspirantes: (A) ata os 16 anos, dotada con 38.000 euros; (B) entre os 17 e os 25 anos, dotada con 25.000 euros; (C) de 26 a 35 anos, ambos incluídos, dotada con 3.000 euros; (D) deportistas con capacidades diferentes –sen límite de idade- e aqueles menores de 36 anos que non puideron competir durante o ano 2013 por estaren lesionados, dotada con 4.000 euros. Concederanse un máximo de 200 bolsas e ningunha poderá ter un importe máximo de 2.000 euros e mínimo de 300. Cada deportista só poderá optar a unha única axuda, con independencia do número de modalidades deportivas que practique.

Media de colaboración con 175 deportistas
Finalmente, Veiga concluíu a súa intervención recordando que esta liña de subvencións serve cada ano para axudar a unha media de 175 deportistas da provincia. Este mesmo sábado saíran publicadas as bases no Boletín Oficial da Provincia, momento a partir do cal os deportistas contarán con 15 días hábiles para presentar a súas solicitudes, rematando deste xeito o prazo o vindeiro 29 de outubro.

Exit mobile version