Site icon Crónica3.com A Mariña

Villares: “Para nós é un orgullo que unha iniciativa social teña a súa sede en Cervo”

Cervo, 9 de outubro de 2014- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e varios membros do grupo de goberno asistiron esta tarde ao primeiro aniversario da unidade residencial situada na Bidueira e que xestiona a Asociación de Axuda ao Enfermo Mental “A Mariña”.

Un acto no que o rexedor valorou moi positivamente o primeiro ano de funcionamento desta residencia e centro de día “que ofrece un servizo imprescindible aos seus usuarios”, destacando que o de Cervo é, na actualidade, o único centro deste tipo que existe na provincia de Lugo.

“Para nós é un orgullo que esta iniciativa social teña a súa sede en Cervo”, engadiu Villares, que ao mesmo tempo aproveitou para reiterar a disposición do Concello a seguir colaborando coa asociación, tanto a través de subvencións directas como de obras e actuacións concretas.

O mandatario cervense dirixiuse aos usuarios, agradecéndolles que ao longo deste ano acudisen a moitos dos actos programados polo Concello, animándoos da mesma forma a “seguir así de activos e participativos”. Tamén quixo destacar “o bo funcionamento do centro e a excelente labor que está realizando a asociación na xestión deste servizo”.

Villares fixo referencia tamén ao acto de inauguración que tiña lugar hai exactamente un ano: “Lembro as vosas caras, cheas de felicidade, especialmente a de Iris (a presidenta da asociación), radiante por ver que o seu soño e o de moitas outras persoas se fixera realidade”. Ao mesmo tempo, manifestou que hoxe, ademais de ser un día feliz para a directiva, os monitores, os usuarios e as familias, tamén o é para “outras moitas persoas que vivimos o voso día a día e o voso proxecto moi de preto”.

O rexedor tamén destacou que esta unidade residencial saíu adiante grazas a diferentes entidades de iniciativa social e ao compromiso de varias administracións, destacando a Xunta de Galicia, “que foi a que fixo un maior esforzo económico, achegando á metade do orzamento, e na actualidade facendo posible a existencia de prazas concertadas”. Unha colaboración que “foi determinante para que hoxe podamos estar aquí, celebrando que esta residencia leva un ano ofrecendo un servizo para o benestar”.

Exit mobile version