Site icon Crónica3.com A Mariña

Vista Alegre engalánase para un novo duelo galego perseguindo os 3 puntos

A quinta xornada de Primeira División RFEF volve traer a Vista Alegre derbi galego. O domingo, ás 12.30 horas, as pupilas de Quico Otero perseguirán a súa segunda vitoria consecutiva coa visita do Viaxes Amarelle FSF nunha cita con entrada gratuíta.

O 2-4 da semana pasada en Móstoles borrou do horizonte laranxa a amargura do primeiro derbi da bomboneira (Cidade das Burgas, 0-5), cun cadro que está perfeccionando pequenas impurezas. “Pouco a pouco o equipo está asimilando o que eu quero; espero que todo siga así sen pausa e que o domingo se reflicta en Vista Alegre. Sempre debemos pelexar polos tres puntos pero na casa aínda estamos máis obrigados; non debemos deixalos escapar”.

Con 6 puntos, o Burela FS Pescados Rubén ocupa a 8ª praza, fronte á 14ª das coruñesas, que ata o momento só puntuaron na segunda xornada ante Ordizia (2-1); o cadro de Chipi caeu ante Poio FS (5-1), Orvina (5-3) e vén de sucumbir ao Atlético de Madrid Navalcarnero (1-4). “É un equipo renovado, que cambiou un pouco a súa filosofía”, adiantaba Quico Otero, incidindo “na garra e na agresividade” das súas xogadoras: “É un equipo que sempre roza o límite da falta; calquera contacto pode ser a favor delas” puntualizaba o técnico laranxa pedíndolles ás súas “velocidade e sobre todo concentración para evitar perdas de balón como nos aconteceu no último partido da casa, ante As Burgas”.

Con respecto ao estado do vestiario, Quico Otero explicaba que a lesionada Patri “non é seguro que entre e tamén teremos como dúbida a Lara, cun proceso gripal, á parte dalgunhas molestias que arrastran Peque, Jozi e Paula”.

O Viaxes Amarelle saltará a Vista Alegre coas exburelistas Lidia Mesías e Dolo nas súas filas e coas ausencias de Lucía Lago e María Gómez, por lesión, e a dúbida de Carmen Pérez.

Burela Pescados Rubén: 1. Jozi 3. Cristina, 5. Claudia, 7. Peque, 9. Gaby, 10. Lara, 11. Kiko, 14. Bea Mateos, 17. Maite, 18. Shiori, 19. Paula, 20. Tainã, 13.Patri (dúbida).

Exit mobile version