Site icon Crónica3.com A Mariña

Voluntarios de Alcoa organizan a II Carreira Solidaria co Club Natación de Xove

Voluntarios de Alcoa e o Club Natación Xove organizaron a II Carreira Solidaria que se celebrará o vindeiro domingo, 26 de outubro, co fin de promover unha vida saudable entre todos os veciños da Mariña e á vez recoller alimentos non perecedeiros para persoas necesitadas. Esta iniciativa forma parte do programa da fábrica no Mes do Voluntariado, que a compañía celebra en todo o mundo.

Este ano espérase superar a cifra de participación do I Carreira Solidaria, que se celebrou o ano pasado e na que participaron máis de 200 atletas de entre dúas e 70 anos en distintas categorías e circuítos, en función da idade e capacidades das persoas inscritas.

Os voluntarios de Alcoa e do Club Natación Xove tamén recollerán os alimentos non perecedeiros que doen os veciños participantes e que se entregarán a Cáritas de Xove para ser distribuídos entre as familias necesitadas da nosa comunidade.

Ambos colectivos, voluntarios e club deportivo, veñen colaborando en numerosas actividades dirixidas a nenos e á poboación en xeral, como formación e prácticas de socorrismo e salvamento, xogos infantís na praia ou unha xornada para persoas maiores, entre outras actividades que contaron con axudas da Fundación Alcoa por un total de 12.000 dólares para o Club Natación Xove. Igualmente, nesta ocasión, Alcoa San Cibrao ten previsto incluír esta iniciativa solidaria e deportiva no seu programa “Alcoa in Motion”, polo que a organización deportiva recibiría 2.500 dólares, como mostra do respaldo de Alcoa ao compromiso social dos seus empregados.

Club Natación Xove é unha agrupación deportiva que ten como misión achegar a natación aos habitantes da comarca mariñá, fomentando a vida sa, a competición, a disciplina e os valores de convivencia. Con ese propósito, fomenta e organiza actividades cívicas e solidarias que transcenden o deportivo, especialmente dirixidas aos máis novos.

A II Carreira Solidaria, do mesmo xeito que a xornada de seguridade no IES Sargadelos celebrada o 20 de outubro, forman parte do intenso programa do Mes do Voluntariado de Alcoa en San Cibrao, que inclúe tamén campañas de donación de sangue, de recolleita de roupa para persoas necesitadas, de recolleita de tapóns de plásticos para beneficio de persoas con necesidades médicas especiais e a limpeza e sinalización zona de Bao en San Cibrao.

Exit mobile version