Site icon Crónica3.com A Mariña

Voluntarios de Alcoa San Cibrao ensinan prácticas de seguridade no Instituto Marqués de Sargadelos

Os voluntarios de Alcoa San Cibrao ensinarán o luns, 20 de outubro, prácticas de seguridade a profesores e alumnos do Instituto de Ensino Superior Marqués de Sargadelos de Cervo. Esta iniciativa forma parte do programa da fábrica do Mes do Voluntariado, que a empresa celebra en todo o mundo.

Os voluntarios expoñerán aos membros da comunidade educativa unha normativa básica de seguridade a aplicar nas dependencias do centro educativo para que tanto o alumnado e como o profesorado coñezan os pasos a seguir en caso dunha urxencia. Todos os participantes unirán forzas -incluído profesorado, membros da ANPA, alumnos e voluntarios- para traballar en equipo mellorando e actualizando a sinalización do instituto; pintando as indicacións de saídas e entradas, as de saída de urxencia, as liñas amarelas que marcan o arco de apertura de portas, así como os esquemas de saídas para caso de evacuación e punto de encontro. A formación de seguridade nas aulas completarase cun exercicio de evacuación de urxencia.

Alcoa e Fundación Alcoa, xunto cos voluntarios da fábrica de San Cibrao, manteñen unha colaboración estreita co IES Marqués de Sargadelos. Como froito desa colaboración destaca o ciclo Superior de Química Industrial e o proxecto de Formación en Eco-Innovación. Alcoa San Cibrao ten previsto incluír esta iniciativa de seguridade nas aulas no seu programa “Acción”, polo que a ANPA do centro educativo recibiría 3.000 dólares da Fundación Alcoa como mostra do respaldo de Alcoa á colaboración e compromiso social dos seus empregados.

Mes do Voluntariado
A formación de seguridade nas aulas forma parte do intenso programa do Mes do Voluntariado de Alcoa en San Cibrao que inclúe campañas de doazón de sangue, de recolleita de roupa para persoas necesitadas, de recolleita de tapóns de plásticos para beneficio de persoas con necesidades médicas especiais, a II Carreira Popular Solidaria e recolleita alimentos, e a limpeza e sinalización da zona de Bao en San Cibrao.

Exit mobile version