Con esta proposta da Biblioteca Municipal de Foz, o público en xeral poderá gozar da música en galego a través dun coidado concerto no que Gonçalo Guerreiro porá a voz e Dani Pais a parte musical e dixital. As cantigas deste espectáculo irán acompañadas de guitarra eléctrica e de pedal de loops, así como de numerosos xogos de luz que, conservando o encanto orixinal do fado, levarán aos asistentes a unha dimensión contemporánea e singular que seduce tanto a mozos coma a non tan mozos.
Deste xeito, tal e coma explican dende a Biblioteca Municipal, o espectador poderá gozar dun directo melódico que viaxa do divertimento á nostalxia, do rock á canción de amor e do pop á música tradicional, sen deixar nunca de ser fado.