O acto de inauguración incluíu a actuación da Coral do CIT, que interpretou varios temas escollidos especialmente para a ocasión. Ademais, asistiu o alcalde, Alfonso Villares, a edil de Igualdade, Pilar Armada e outros membros do goberno local; Isidro Cea, un dos artistas, membros de asociacións do municipio e veciños en xeral. Durante a inauguración ademais repartíronse lazos violeta en recordo das vítimas.
En canto ás obras, a temática é común nas fotografías dos tres artistas, a loita contra o maltrato, pero cada un coa súa propia “ollada”: No caso de Isidro Cea trátase de imaxes cun estilo fantástico, acompañadas dun fotopoema, de forma que cada verso correspóndese cunha foto e todas xuntas compoñen unha historia; as de Marga Piñeiro son minimalistas, xogando só co branco e o negro a través de elementos como máscaras e recortes de papel; e as de Enrique González recorren ao realismo pero sen caer no explícito.
Pola súa banda, Andrea Fernández Maneiro pon os “berros” nesta mostra a través dos seus haikus, breves poemas xaponeses que acompañan ás fotografías de Marga Piñeiro e que matizan e completan o que xa de por si transmiten as imaxes.
Unha mostra que se poderá visitar durante todo o mes, estendéndose a conmemoración do Día contra a violencia de xénero máis alá do 25 de novembro. O horario de apertura é de luns a venres de 09.00 a 13.30 horas e de 17.00 a 20.00 horas.
Durante a inauguración o alcalde asegurou que dende o Concello “queremos sumarnos a esta loita contra o maltrato físico e psicolóxico, neste caso a través da arte como vía para concienciar de que temos que tratarnos ben e respectarnos entre nós, homes e mulleres”. O rexedor destacou o acto de inauguración, no que se uniron “as fotografías e as palabras da mostra coa música da Coral do CIT para berrar e expresar o desexo colectivo de que esta situación remate”. O rexedor agradeceu tanto aos autores das obras como á Coral do CIT a súa “implicación e sensibilidade”.
Ao mesmo tempo, Villares explica que o Concello traballa para encher de contido “as salas de exposición, tentando que eses espazos públicos sexan de utilidade, neste caso para transmitir mensaxes tan importantes coma esta: Un non rotundo ao abuso e ao maltrato”.