Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG Saúde concentrouse “pola erradicación da cultura da violencia machista” diante do Hospital da Costa

concentracion-cig-mulleresA CIG Saúde concentrouse este martes 25 de novembro, “pola erradicación da cultura da violencia machista” diante do Hospital da Costa seguindo unha convocatoria co gallo do 25 de novembro, Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, unha xornada nacional de loita.

Este ano, a campaña da CIG con motivo do 25 de novembro desenvólvese baixo o lema “Erradiquemos a cultura da violencia machista” e ten por obxectivo visibilizar publicamente este feminicidio, identificando comportamentos, actitudes e ideas discriminatorias, que forman parte da cultura da violencia contra as mulleres, entendendo que “para erradicar a violencia machista é preciso detectar o machismo, crear conciencia e mudar condutas”.

A pretensión da central sindical é que cada quen, mulleres e homes, fagan unha auto avaliación, identificando actitudes habituais que agochan un claro ou sutil machismo, “xeitos non evidentes de reproducir roles sexistas”, tendo presente que o machismo non é só a agresión física a unha muller. “A violencia non só implica golpes, tamén inclúe as ameazas, a arrogancia, as descualificacións, a discriminación, o abuso verbal, o abuso emocional, o acoso…”, afirman.

Ademais, con esta campaña quérese lembrar as 7 mulleres galegas asasinadas a mans das súas parellas e exparellas. “Na súa honra, durante todo o mes de novembro nos locais sindicais da CIG das 7 cabeceiras de comarca temos colocado 7 siluetas dun metro sesenta de altura, identificadas co seu nome e o nome de quen as asasinou, en lembranza e homenaxe ás 7 vítimas do machismo”, explican.

Exit mobile version