Site icon Crónica3.com A Mariña

A Consellería de Cultura e Educación participa en Mondoñedo na presentación do libro “Trinta poemas de Álvaro Cunqueiro”, de Camiño Noia

Mondoñedo, 22 de novembro de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou na mañá deste sábado na presentación de ‘Trinta poemas de Álvaro Cunqueiro’, unha obra que ofrece “unha lectura renovada do Cunqueiro serodio, tocada xa a súa plenitude creadora por un pouso de saudade”. Así o afirmou durante o acto de presentación o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen destacou que a obra, publicada co apoio do goberno galego, dá conta da “proxección dun escritor irrepetible”.

Camiño Noia é a autora da selección, introdución e comentarios da obra. Xunto coa catedrática de Filoloxía Galega, participaron no acto de presentación o presidente do Centro PEN Galicia, Luís González Tosar; o alcalde de Mondoñedo, Orlando González, e César Cunqueiro. O acto tivo lugar en Mondoñedo, concello natal de Álvaro Cunqueiro, “unha figura fundamental para as letras galegas e tamén un dos nomes con influencia profunda na literatura dos ámbitos culturais nos que nos inserimos”, asegurou o secretario xeral.

‘Trinta poemas de Álvaro Cunqueiro’ viu a luz na Colección Arte de Trobar do Centro PEN Galicia, “unha peza fundamental para ofrecerlle a potencia da nosa escrita ao público contemporáneo, e na que agora se insire un título destinado a brillar con luz propia neste espazo de excelencia literaria”, dixo Anxo Lorenzo.
Esta escolma de trinta poemas tenta mostrar os distintos vieiros que chegan á intimidade, agochada e compartida, do poeta. A profesora Camiño Noia, que considera que o éxito de Álvaro Cunqueiro como narrador empeceu a difusión da súa poesía de madurez, dificultando que gozase dela un amplo lectorado, realiza nesta obra unha revisión crítica da poesía do autor na súa plenitude creadora e ofrece unha interpretación sobre a íntima relación do escritor de Mondoñedo coa súa obra.

Exit mobile version