O rexedor dixo que “foi un pleno marcado por un forte contido social, especialmente en aras de axudar, colaborar e mellorar a calidade de vida do mundo da discapacidade. Cos acordos adoptados este xoves, tanto no que se refire á cesión dos locais á fundación Eu Son como na aprobación da ordenanza de accesibilidade, queda reflectido de forma máis que suficiente o compromiso que o equipo de goberno tivo, ten e terá coas persoas discapacitadas, tanto coa discapacidade intelectual, a través da fundación Eu Son, como coa física, reflectido onte na aprobación da ordenanza. Foi unha sesión que tivo unha enorme transcendencia para o mundo da discapacidade e o equipo de goberno séntese orgulloso de ter cumprido co que no seu día prometemos, que era mellorar en todo momento as condicións de vida das persoas con discapacidade. Cremos que as liñas de actuación que se están levando a cabo dende o equipo de goberno son máis que correctas e polo tanto imos seguir traballando nese sentido”.
No pleno de onte aprobouse por unanimidade a cesión gratuíta dos locais que o Concello ten en Suafonte á fundación Eu Son. “En principio a Xunta de Galicia vai sacar unha nova carteira de servizos sociais e a idea que hai dende o padroado da fundación Eu Son é ampliar o ámbito de actuación que ten. Na fundación está o centro de formación de persoas discapacitadas e o centro de día, que son actuacións distintas”, explicou González Barcia. Tamén por unanimidade se aprobou a ordenanza de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónica.
Préstamo de pago a provedores
O alcalde seguiu a relatar que “ademais aprobouse a proposición da Alcaldía para a adxudicación do contrato de refinanciación do préstamo de pago anticipado a provedores. O Concello vai aforrar unha cantidade importante de diñeiro polos intereses, algo máis do 75 por cento dos intereses que estábamos pagando ata agora. O tipo de interese estaba en 4,14 e agora vai ser de euríbor a tres meses máis 0,9%, co cal o aforro é francamente importante. Tal e como está agora mesmo o euríbor o interese a pagar nestes momento é de 0,981. O crédito se firmará despois de que o Ministerio de Hacienda y Administraciones Públicas nos dea a pertinente autorización”.
Na sesión plenaria celebrada onte debatíronse dúas mocións sobre violencia de xénero, unha presentada polo grupo popular e a outra do grupo mixto; “non houbo posibilidade de chegar a un acordo e aprobouse a do grupo popular”.
Sanidade
José Mª González Barcia referiuse á moción presentada polo Partido Socialista sobre o protocolo de xeonllo e resonancia magnética: “ao PSOE neste tema cada vez o cre menos xente, porque usa a sanidade pública como un recurso electoral e non se dan conta de que esas manifestacións que estaban facendo, porque ultimamente xa non convocan case ningunha sobre o tema do hospital, cada vez tiñan menos afluencia de xente, porque cada vez eran menos cribles. A estas alturas, despois de que neste ano 2014 se puxera en marcha o servizo de hospitalización a domicilio, unha segunda sala de endoscopias e o hospital de día de quimioterapia seguir dicindo que a Xunta intenta privatizar a sanidade pública e quere desmantelar o hospital é unha enorme estupidez e necidade”.
Para o rexedor “o que ocorre é que a xente non é parva e ve perfectamente o que se está facendo no hospital: non se desmantelou ningún servizo, ningún facultativo foi obrigado a trasladarse deste hospital a outro; en definitiva, falta que o PSOE demostre que hai un desmantelamento dos servizos no hospital e falta coherencia no PSOE, porque eles, que no seu día favoreceron os concertos coa sanidade privada, non poden dicir agora que a Xunta privatiza ou criticar o envío de enfermos a sanidade privada. O Sergas sempre, incluso durante o goberno bipartito, transferiu enfermos á sanidade privada simplemente por operatividade; no seu día as operacións de cataratas derivábanse continuamente dende o Hospital da Costa a Polusa e incluso á Coruña. E non pasou nada porque o obxectivo primordial da sanidade é sanar; e hai que usar os recursos que hai, sexan públicos ou privados, e canto antes se sane a unha persoa, mellor”. González Barcia dixo que “ao señor Llano, en materia de sanidade non se lle pode crer nada do que di, nin el mesmo o cre, porque sendo alcalde anunciou tres veces un investimento de 7 millóns de euros para a ampliación do hospital, inversión que nunca chegou a producirse. Polo tanto mentiu tres veces neste caso”.
Dietas
No pleno deste xoves tamén se falou das dietas: “expliqueilles sobradamente cal é o procedemento para o cobro das dietas, que cumpre o que está previsto nas bases de execución do presuposto municipal e estase seguindo exactamente o mesmo procedemento que durante o goberno municipal bipartito. As cantidades están estipuladas e polo tanto cando o alcalde ou un concelleiro se despraza para facer unha xestión para o Concello ten dereito a cobrar unha cantidade, nin máis nin menos; e iso é o que cobra. Durante o bipartito tamén se cobraron dietas, pero dende a oposición non montamos unha operación mediática sobre este asunto, porque entendemos que cando o alcalde ou un concelleiro fan unha viaxe para xestionar algo para o Concello fano porque hai necesidade. E en todo caso, tal e como están as cousas, o que se precisa é xestión e dende logo estando nos despachos a ninguén lle veñen traer nada”.