Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación aproba o proxecto de Cultura Dixital que leva a cabo a UNED coas asociacións de toda a provincia

xunta goberno - cultura dixitalLugo, 28 de novembro de 2014. A Xunta de Goberno da Deputación aprobou este venres o proxecto ‘Cultura Dixital’, que levará a cabo a UNED para “dar visibilidade ás programacións e actividades organizadas por todas as asociacións e colectivos culturais existentes na provincia de Lugo”. O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, explicou que a Deputación aportará 25.000 euros a este proxecto de comunicación e cultura dixital que están desenvolvendo de xeito conxunto o organismo provincial e o centro asociado da UNED en Lugo e que estará coordinado por Gala Paz Arias.

Mario Outeiro explicou as liñas básicas do proxecto, co que se tentará conseguir un maior desenvolvemento cultural a través da apertura dunha porta de comunicación entre a propia UNED e as asociacións culturais no campo da edición e a comunicación dixital audiovisual, o que pode derivar nun incremento da eficacia e nun maior grado de eficiencia das súas programacións. Asemade, abrir unha porta de comunicación entre os sectores cultural e universitario non só incrementaría o número de actividades a compartir, senón que ampliará enormemente o potencial de posibles usuarios.

Para levar a cabo este proxecto de Cultura Dixital programaranse distintas actividades, como curso de divulgación sobre temática científica, xornadas sobre temas de actualidade ou xornadas literarias. Igualmente, o centro asociado de Lugo adaptará, de xeito parcial, a súa programación de Desenvolvemento Cultural á demanda das asocacións culturais provinciais, o que podería derivar na programación de foros de debate, conferencias, docu-fórums ou cine fórums.

Para darlle aínda máis dimensión e publicidade ás actividades que se realizan, porase en marcha unha páxina web, unha revista dixital e a UNED disporá dos seus medios de comunicación propios, como a Cadea Campus. A web e revista propia, xunto a creación dun espazo audiovisual propio dentro da Cadea Campus, no que se colgarán entrevistas, debates de alcance territorial ou foros relacionados ou organizados polas asociacións participantes, serán traballos que se levarán a cabo no último trimestre deste ano.

Exit mobile version