Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación cumpre cos veciños destinando 35 millóns de euros no 2015 a emprego, infraestruturas e políticas sociais

pres-orzamentosA Deputación de Lugo cumpre coas prioridades marcadas polos veciños para o Orzamento provincial do 2015 destinando preto de 35 millóns de euros a emprego, infraestruturas e políticas sociais, o que supón o 87% dos investimentos recollidos nos presupostos. Así o anunciou este xoves o Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, na rolda de prensa na que, acompañado do Vicepresidente Primeiro, Antonio Veiga, e a Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, presentou os orzamentos da Deputación de Lugo para o vindeiro ano, os primeiros participativos dun organismo provincial en España.

O Orzamento mantense nos 89,4 millóns de euros deste 2014 e aséntase sobre tres piares: emprego, infraestruturas e políticas sociais porque “así o decidiron os máis de 55.000 veciños que deron a súa opinión, ben directamente ou a través das 300 asociacións que tomaron parte no proceso de participación que desenvolvemos durante o pasado verán”, explicou o Presidente, que deu as grazas “a todos eles polas súas ideas e propostas”. A Deputación cumpre “co que nos pediron. É máis, xa o estamos a facer este mesmo ano e seguirémolo facendo no 2015”, asegurou Besteiro.

Un 42% dos veciños pediu emprego
A Deputación inviste hoxe “370 veces máis en emprego” que cando gobernaba o PP, subliñou o Presidente, quen contrastou tamén o peso que lle da a estas políticas o Goberno provincial e o da Xunta. “Dámoslle prioridade absoluta á creación de emprego porque con postos de traballo recuperamos poboación. Mostra diso é que dedicamos tres veces máis a fomento do emprego que a Xunta, cando non temos as competencias”.

Para cumprir coas peticións dos veciños, o mandatario provincial anunciou que en decembro lanzará un novo plan de emprego de 5 millóns de euros dirixido a todos os concellos da provincia e o Orzamento do 2015 consigna outros 6,6 millóns, tamén destinados a todos os municipios lucenses.

Ao mesmo tempo, continúan os tres programas que hoxe están en marcha e benefician a máis de 1.100 persoas.

Ademais de todos estes plans, o Presidente avanzou que a Deputación creará un mínimo de 80 postos de traballo coa posta en marcha no 2015 do 1º centro de recría público de España na Granxa Gayoso Castro e das 6 primeiras residencias e centros de día públicos da terceira idade que constrúe en colaboración cos Concellos. En ambos casos, o organismo lugués “non conta con apoio da Xunta, nin sequera institucional”, afirmou Gómez Besteiro.

O vindeiro ano, “seguimos apostando tamén polo emprego de calidade impoñendo cláusulas sociais que blindan os dereitos dos traballadores das empresas que prestan servizo á Deputación”, asegurou o Presidente.

O 15% dos veciños pediu infraestruturas
Por iso, a institución provincial reforzou xa este ano os investimentos en infraestruturas con 9,2 millóns de euros dedicados ao arranxo de estradas provinciais e municipais dos 67 concellos da provincia, instalacións e servizos no rural, como traídas de auga e saneamentos.

No Orzamento do 2015, as partidas para infraestruturas suman 11,5 millóns de euros. Inclúen: o Plan de Obras e Servizos; un Plan de Infraestruturas Veciñais; o Plan de Conservación dos 4.200 quilómetros de estradas provinciais; e o Programa Estratéxico de Infraestruturas do Medio Rural (PEIM). A Deputación de Lugo pasou a financiar case o 11% deste programa europeo, mentres a Xunta aporta o 2%.

“Nos últimos días, puideron comprobar que acometeremos obras de acondicionamento nas estradas provinciais de Friol a Parga e de Momán ás Pontes. Son froito de peticións veciñais”, destacou Besteiro, quen avanzou así mesmo que, por solicitude dos veciños, “entre outras actuacións, tamén arranxaremos o vial de acceso ao Pazo de Tor, en Monforte, e faremos unha canalización de augas no Saviñao”.

O 12% dos veciños pediu políticas sociais
Ao igual que nas políticas de emprego, a Deputación comezou a investir en servizos sociais co actual Goberno provincial. “Disparamos os investimentos dende o 2007, e o próximo ano volvemos a aumentalos nun 19% para cumprir co que nos piden os veciños, ata superar os 3,6 millóns de euros”, explicou o Presidente. “E iso, a pesar de que seguimos sen contar coa apoio da Xunta. Núñez Feijóo decidiu dun día para outro impoñernos a obriga de financiar os servizos sociais básicos nos Concellos de menos de 20.000 habitantes, pero sen transferirnos os correspondentes recursos económicos. Seguímoslle esixindo que cumpra coa súa obriga”.

No eido das Políticas Sociais, destacan tamén os investimentos en educación, con 1,6 millóns de euros para a única Escola de Imaxe e Son da provincia, que ademais é pública; 300.000 euros para o Campus Universitario e 318.000 euros para a UNED; cultura e museos, con 6,7 millóns de euros; e deporte, con 4 millóns.

A Deputación poñerá en marcha 6 residencias públicas da terceira idade e, froito de peticións veciñais, “construiremos varios campos de fútbol e melloraremos instalacións deportivas e locais sociais en toda a provincia”, anunciou Gómez Besteiro.

Contas estables e saneadas
Ademais de cumprir coas demandas dos lucenses, os orzamentos do 2015 son de novo estables e saneados. “Cumprindo co que prometemos, a débeda financeira baixará no 2015 ata os 12 millóns de euros. No 2016 o endebedamento quedará a cero, co que non deixamos lastre económico algún ás xeracións vindeiras”, recalcou o Presidente.

Unha vez aprobadas as contas no Pleno, a Deputación enviará “a todos e cada un dos veciños e asociacións a contestación ás propostas, consultas e recomendacións que nos trasladaron para elaborar estes Orzamentos. Tamén entón lles faremos chegar ó resto de administracións -Xunta e Fomento principalmente- os deberes que lles poñen os lucenses”, avanzou o mandatario provincial.

Exit mobile version