Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación de Lugo aclara que “o PP tivo resposta a todo ó que preguntou dun xeito áxil e transparente”

O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, aclarou este mércores que “o Partido Popular tivo resposta a todo o que preguntou dun xeito áxil e totalmente transparente, feito sen precedentes nas administracións gobernadas polo PP. De feito, facilitóuselle máis información da solicitada, posto que o Goberno Provincial da Deputación de Lugo non ten ningún inconveniente en abordar este e outros asunto”.

Resposta áxil. A intervención xudicial do Xulgado de Instrución número 1 de Lugo foi o venres, data na que o Presidente estivo, dende as 10:00 da mañá e ata as 22:30 horas, con veciños lucenses que se ven na obriga de facer 400 quilómetros para recibir Radioterapia na Coruña, porque a Xunta segue sen dotar a Lugo deste servizo, sendo a única provincia galega que non o ten. A primeira hora do luns, Gómez Besteiro solicitou a súa comparecencia voluntaria no Pleno para dar conta á Corporación da actuación xudicial. Posteriormente, o PP presentou unha moción de urxencia, solicitando, exclusivamente, a comparecencia do Presidente para explicar os feitos do venres, 21 de novembro.

Totalmente transparente. O Presidente deu toda a información da que dispón a Deputación de Lugo, respectando, tal e como obriga a lei, o segredo sumarial .

Máis información da solicitada. Só polo feito de que o Partido Popular mencionaba na súa moción de urxencia outras actuación xudiciais, Gómez Besteiro tamén detallou toda a información da que dispón a Deputación de Lugo sobre as mesmas. Fíxoo logo de defender que “estas comparecencias deben facerse con total normalidade e transparencia, sen ánimo, loxicamente, de ocultar ningún tipo de información. Por iso, non teño ningún inconveniente en abordar a situación xudicial doutros asuntos sobre os que fan mención o PP no escrito urxente que presentou”

Regulamento Orgánico. Todo o funcionamento da Deputación de Lugo se rexe polo seu Regulamento Orgánico, aprobado por unanimidade polos tres grupos políticos (PSOE, BNG e PP) e de acceso público en www.deputacionlugo.gal. A comparecencia é a única fórmula do Regulamento Orgánico para as intervencións extraordinarias de calquera membro da Corporación no Pleno. O artigo 135 do Regulamento apunta textualmente: “A comparecencia ante o Pleno dun membro da Corporación que teña responsabilidade nunha determinada Área ou Servizo será obrigatoria se o Pleno así o acorda. A petición, debidamente motivada incluirá as preguntas que se formulen. Unha vez acordada a comparecencia polo Pleno, o/a presidente/a incluirá na Orde do Día da seguinte sesión ordinaria que celebre, comunicando ao interesado as preguntas que se lle formulen sobre a súa actuación cunha antelación mínima de cinco días á celebración da devandita sesión. No desenvolvemento das comparecencias seguirase o procedemento establecido nos artigos 130 e seguintes do presente Regulamento e deberá aterse expresamente ás preguntas formuladas”.

Exit mobile version