Continuando na aposta pola transparencia e presenza activa nas novas canles de comunicación, a Deputación de Lugo acaba de actualizar o seu blog co fin de convertelo nun dos principais focos informativos da provincia. Dispoñible no mesmo enderezo que ata agora, http://blog.deputacionlugo.gal, o blog presenta, ademais dun aspecto totalmente renovado, novas funcionalidades para adaptar ás tendencias en deseño web actuais, como multimedia, plena integración coas redes socias, máxima usabilidade e accesibilidade, así como unha renovada estrutura e contidos que se actualizarán con maior frecuencia.
Dende o punto de vista visual, o novo blog da Deputación de Lugo incorpora un deseño “responsive”, isto é, adaptativo aos diferentes dispositivos cos que se pode acceder á rede para mellorar a experiencia de navegación dos usuarios. Non en van, case o 50% dos accesos do último mes ao blog da Deputación se realizou a través de dispositivos móbiles, ben sexa mediante teléfonos intelixentes ou ben mediante tabletas.
Ademais das diferentes novas sobre a actualidade da Deputación e da provincia, o blog incorpora unha axenda de eventos totalmente renovada onde se irán relacionando todas aquelas actividades culturais, accións formativas, convocatorias, charlas e obradoiros que poidan ser de interese para toda a cidadanía e que se actualizará de xeito diario.
Logo de algo máis de 3 anos de vida, o blog suma os 900 artigos publicados, en galego como en castelán, de temáticas como novidades, novas tecnoloxías, medio ambiente, cooperación, emprego, así como de curiosidades da provincia ou descricións de lugares, festas e feiras de interesa da provincia e un longo etcétera.
Vídeo-noticias elaboradas pola Fundación TIC e os streamings que se poidan ver en directo na rede, galerías de imaxes e información sobre a provincia serán tamén outras seccións que se incorporarán ao Blog da Deputación de Lugo para convertelo nun dos centros informativos de Lugo e ampliar a información accesible no portal web institucional, www.deputacionlugo.gal.
Forte presenza nas redes sociais
A Deputación de Lugo reforza co novo deseño do seu blog a súa presenza nas redes sociais, onde mantén unha gran actividade dentro delas cos obxectivos de conversar de xeito directo coa cidadanía, coñecer as súas opinións e fomentar a participación cos lucenses dentro da aposta institucional pola transparencia.
Deste xeito, a de Lugo mediante a conta http://twitter.com/depulugo, é a primeira Deputación de Galicia en número de seguidores en Twitter, 4.750, fronte aos 3.800 da de Pontevedra, 919 da de Ourense e 656 da de Coruña e está situada no top ten nacional.
Tamén a Deputación de Lugo é pioneira noutras redes sociais como Instagram (@depulugo), a famosa aplicación para teléfonos intelixentes para compartir imaxes, onde foi a primeira Deputación en España en abrir conta institucional e a única en Galicia que a mantén na actualidade activa.
A estratexia dixital da Deputación compleméntase en redes como Facebook ( http://facebook.com/deputacionlugo), a máis popular en España, e na que está a piques de acadar os 3.000 fans; Flickr (https://www.flickr.com/photos/deputacionlugo/), onde está dispoñible o arquivo fotográfico das novidades da Deputación ou en Pinterest (http://www.pinterest.com/dipulugo/).