Site icon Crónica3.com A Mariña

‘A Esmorga’ bate records

esmorga-convenioMáis de 15.000 persoas viron ‘A Esmorga’ nesta primeira semana nas salas de cine galegas. A cifra supón un fito histórico para o cinema galego e converte o filme de Ignacio Vilar na segunda película con máis espectadores por copia en todo o Estado español nesta semana, só superada por ‘Los Juegos del Hambre’.

Así o puxo de manifesto o propio Ignacio Vilar esta mañá durante a sinatura do convenio de colaboración entre a Area de Cultura da Deputación e a produtora do filme, Vía Láctea, no que o responsable de Cultura da institución provincial, o nacionalista Mario Outeiro, destacou o “apoio da Deputación de Lugo ao cinema galego e en galego”.

O filme ‘A Esmorga’, adaptación ao cine dirixida polo ourensán Ignacio Vilar da obra escrita polo seu paisano Eduardo Blanco Amor no 1959, e na que participan actores como Miguel de Lira, Antonio Durán “Morris” e Karra Elejalde e á actriz lucense Melania Cruz, leva unha semana en todas as salas de cine galegas “enchendo todas as salas e todas as sesións”, destacou Ignacio Vilar.

Un total de 1.279 persoas foron a ver a película na cidade de Lugo dende o pasado día 21, cun cheo total. Este mércores, por exemplo, día do espectador, 434 persoas viron a película en Lugo. O filme, que ata o momento só se pode ver nas salas galegas, saíu con 18 copias. Nas vindeiras semanas estrearáse no resto do Estado, anuncio Ignacio Vilar, que explicou que “os bos datos en Galiza estannos abrindo as portas do resto do Estado, onde xa preguntan por esa película que está arrasando nas salas galegas”. De feito, ‘A Esmorga’ é xa a película de menos de 100 copias con máis espectadores neste 2014 en todo o Estado español.

Escaparate turístico de Lugo en todo o Estado
O responsable de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, destacou esta mañá durante a sinatura do convenio de colaboración con Ignacio Vilar o feito de que moitos dos escenarios da película fosen rodados na provincia de Lugo. “Tivo como escenario das principais secuencias non só o monfortino Museo do Pazo de Tor, que pertence á Rede Museística provincial e onde transcorre unha parte da historia, senón outras moitas localizacións do Sur da provincia de Lugo, como Escairón ou a Ferreirúa, no concello da Pobra do Brollón”, sinalou.

Por iso, Mario Outeiro destacou a importancia, mesmo desde o punto de vista de “escaparate turístico”, que ‘A Esmorga’ vai a ter para Lugo. “É unha película gravada nun 50% na provincia de Lugo e todas esas paisaxes e escenarios vanse a ver nas pantallas de todo o Estado”, salientou o responsable de Cultura e Turismo da Deputación, que lembrou que a Vicepresidencia da Deputación xa colaborou coas dúas películas anteriores de Ignacio Vilar, ‘Pradolongo’ e ‘Vilamor’, dentro da aposta por “apoiar o cinema feito en Galiza e en galego”.

O cinema galego pode competir con calquera superprodución
O director da película, Ignacio Vilar, subliñou que ‘A Esmorga’ “está enchendo practicamente todas as sesións desde hai unha semana, competindo con superproducións que teñen infinitamente máis orzamento, o que lle está a abrir á Esmorga e ao cinema galego as portas de todo o Estado”.

Vilar destacou que os espectadores galegos, que son os únicos que ata o de agora puideron ver a película, “saen orgullosos do cine” e mostrouse convencido de que “o cine galego pode competir con calquera cinematografía do mundo contando as nosas historias”.

Exit mobile version