Site icon Crónica3.com A Mariña

A exposición “A escola, camiño do futuro” chega este luns 24 de novembro ao IES Perdouro de Burela

Burela, 22 de novembro de 2014.- A exposición A escola, camiño de futuro chega o vindeiro luns, 24 de novembro, ao IES Perdouro, de Burela, despois de pasar polos CEIPs Virxe do Carme e Vista Alegre e polo IES Monte Castelo.

O Programa de Atención a Inmigrantes da Concellería de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade de Burela, como socio do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, e en colaboración coa Ong Educo, apoia a iniciativa de divulgar e sensibilizar á poboación da realidade social do mundo que nos rodea.

Diana Durán lembrou que “no mes de outubro celebrouse en moitos países europeos a semana contra a pobreza e aquí en Galicia, grazas á axuda das diferentes Ongs, puidemos dar a coñecer distintas visións sobre o desenvolvemento socioeconómico e a grande diversidade de situacións que se dan no mundo actual. Dende Burela eliximos a exposición titulada A escola, camiño do futuro, un conxunto de 32 cubos de cartón pluma, que plasman diferentes proxectos educativos en países de África, América do Sur, América Central e Asia”.

A edil popular dixo que “debido á temática desta exposición, quixemos implicar aos centros educativos do municipio para que lles sirva, ao alumnado en xeral, para aproveitar os recursos educativos e fomentar canles de participación solidaria. Queremos agradecerlles aos centros interesados nesta iniciativa a súa implicación e colaboración con nós”.
Dita exposición xa estivo no CEIP Vista Alegre, no IES Monte Castelo e no CEIP Virxe do Carme e a partir do luns, 24 de novembro, e ata o 5 de decembro vai estar nas instalacións do IES Perdouro.

Exit mobile version