Site icon Crónica3.com A Mariña

A exposición ‘Culturas en diálogo: Lugo-Arxentina’ chegou este venres ao Centro de Interpretación da Mariña, en Foz

Lugo, 21 de novembro de 2014.- O vicepresidente e responsábel de Benestar e Deportes da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, desprazouse na tarde deste venres a Foz para participar nunha serie de actividades que se celebrarán no Centro de Interpretación da Mariña (CENIMA) e que teñen como foco principal a inmigración. Deste xeito, entre as cinco e as sete e media da tarde houbo unha charla, gravouse un programa de radio en directo no que interviron alumnos do Bacharelato de Artes do IES Monte Castelo burelés e inaugurouse a exposición ‘Culturas en diálogo: Lugo-Arxentina’.

Os actos comezaron ás cinco da tarde coa presentación do proxecto ‘Culturas en diálogo: Lugo-Arxentina’, baixo as liñas de museoloxía social e de xerar lazos a través do diálogo intercultural. “É un proxecto que leva funcionando dende o 2009 e que ten como finalidade reivindicar e dar visibilidade a todo o que fixo Arxentina por Galiza. Contou cunha serie de iniciativas por toda a provincia que agora chegan á Mariña. O acto final terá lugar o día 18 de decembro no Museo do Mar de San Cibrao, coincidindo coa celebración do Día Internacional do Migrante, e antes temos o CENIMA como unha estación de paso”, explica Antonio Veiga.

Esta presentación contou cunha charla da doutora en Historia Érica Sarmiento da Silva, profesora da Universidade do Estado do Río de Janeiro e da Maestría da Universidade Salgado de Oliveira, así como coordinadora do Laboratório de Estudos de Imigraçao.

Proxecto interxeracional e interdisciplinar
Posteriormente, cos micros de Radio Foz como testemuñas, houbo unha conversa ao redor de mate e de café na que participaran alumnado e profesorado do Bacharelato de Artes do IES Monte Castelo de Burela; o vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga; membros da Asociación de Rioplatenses de Lugo, a documentalista Pilar Sánchez; o artista Xosé Reigosa; e a coordinadora do proxecto, Encarna Lago. Retransmitiuse en directo por Radio Foz e o acto estivo aberto a calquera persoa que se decidise a achegarse e a compartir as súas experiencias da emigración. “Como é un proxecto interxeracional e interdisciplinar, xa que traballaron disciplinas diversas como a música, a danza, o teatro ou plástica, por iso se fai este programa mesturando xeracións e persoas implicadas no proxecto, tomando todas café ou mate como símbolo etnográfico de dúas culturas”, indicou Veiga, quen tamén recordou que os rapaces do Bacharelato Artístico están traballando nun proxecto para interpretar plasticamente todo o material que recolleu o equipo comandado por Encarna Lago sobre as mulleres que emigraron no seu día a Arxentina e sobre aquelas arxentinas que agora están na provincia de Lugo. “Fixemos un traballo de recuperación, xeolocalizamos onde se atopan, a que sitios emigraron, e o mesmo fixemos agora coas mulleres de Arxentina que están agora aquí, grazas á axuda da Asociación de Rioplatenses de Lugo”, sinalou Encarna Lago, coordinadora do proxecto.

Ás sete da tarde procederase á inauguración da exposición.

Exit mobile version