Site icon Crónica3.com A Mariña

A Fundación Bautista Álvarez presenta o seu monográfico ’50 preguntas, 50 argumentos para a soberanía de Galiza’

Burela, 15 de novembro do 2014- A Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas presentou esta tarde no Hotel Nordés de Burela un especial do Terra e Tempo, baixo o nome “50 preguntas, 50 argumentos para a soberanía de Galiza”. Trátase dun monográfico que ten por finalidade dotar de argumentos aos cidadáns que queren unha Galiza independente nun momento de máxima caricaturización e demonización dos nacionalismos. A saída do prelo desta publicación coincide tamén coa celebración do 50 aniversario da Unión do Povo Galego, o partido con máis historia e lonxevo de Galiza.

No acto, estiveron presentes Néstor Rego, secretario xeral da Unión do Povo Galego; Rubén Cela, coordinador do monográfico; e Dorés Fernández Abel. Durante a presentación, fixeron un repaso do que os lectores se poden atopar neste libro. Destacaron que se trata dunha defensa do dereito de autodeterminación dende una perspectiva formada e informada e que a Fundación o puxo en marcha coa firme crenza de que non se pode pensar nun proceso de autodeterminación sen coñecer de antemán os piares teóricos sobre os que se construíu a ideoloxía nacionalista e a súa concreción práctica na Galiza.

No volume colaboran persoeiros destacados da historia do nacionalismo neste país como o propio Bautista Álvarez, Francisco Rodríguez, Xavier Vence, Pilar García Negro, Néstor Rego ou Alfredo Suárez Canal, entre outros. Unha análise, por eidos competenciais e temáticos, que da resposta ás preguntas que xorden á hora de abordar un proceso de autoorganización do pobo galego.

O momento no que sae á luz este monográfico non é casual, tal e como destacaron os participantes da presentación, xa que neste momento está claro que algo se move en Europa. Tras o referendo histórico en Escocia, con importantes avances cara á reunificación de Irlanda ou a independencia de Flandres e cun cuestionamento, cada vez maior, do actual proxecto de Unión Europea. E que algo tamén se move tamén no Estado español, inmerso nunha profunda crise económica, mais tamén de lexitimidade e esgotamento do seu modelo territorial. A consulta de Catalunya, a inminente nova estratexia do conxunto do nacionalismo vasco na defensa do dereito a autodeterminación en Euskal Herria ou o cambio de rei, son claros indicios de que algo vai mudar na configuración territorial e política do Estado español. As preguntas son: O que? Para que? Como? e, sobre todo: Que papel vai desempeñar Galiza nese proceso? A iso intenta responder este monográfico.

Exit mobile version