Dende a Concellería de Cultura de Burela, informan que o espectáculo que se presenta este sábado na vila está baseado na maxia infantil e conta coa participación do Mago Paco, un artista que fará un percorrido polos seus mellores xogos de ilusionismo. O Mago Paco é un dos integrantes da compañía teatral A illa d@s nen@s, nacida no ano 2007 como froito da vocación e o traballo de varios artistas que durante anos se formaron na educación e animación infantil. A súa directora, Marina López, é a encargada de crear as historias que logo representa a compañía nos seus espectáculos dirixidos a nenos e público familiar. López, apoiase na súa experiencia como educadora infantil e docente para dar vida a unhas obras nas que o que máis importa é a versatilidade e o dinamismo capaz de sorprender aos máis pequenos.