O alcalde, José Mª González Barcia, explicou que “participan como colaboradores o Concello de Burela e a Fundación Expomar, porque evidentemente somos conscientes de que a pescada agora mesmo representa unha porcentaxe moi elevada das ventas de Absa. E precisamente nestes momentos nos que a situación económica non é boa o que hai que facer é colaborar con Absa para axudarlle a difundir os seus produtos, que tamén son os nosos. De aí que tanto o Concello como a Fundación Expomar colaboremos de forma decidida con esta iniciativa, na que participan máis 30 restaurantes, dos máis importantes que hai na provincia de Lugo”.
O rexedor confía en que “estas xornadas teñan boa acollida e coa asociación de hostalería estamos dispostos a seguir colaborando. Eles levaron o bonito durante estes últimos tres anos ao cátering da volta ciclista a España e isto é algo que nós valoramos nos seus xustos termos. Polo tanto calquera iniciativa que conte con produtos de Burela e que sexa levada a cabo polos hostaleiros da provincia contará co apoio tanto do Concello como da Fundación Expomar”.
As Xornadas de Exaltación da Merluza do Pincho están organizadas por Absa, pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Turismo, E para comer Lugo, e o diario El Progreso. E contan coa colaboración do Concello de Burela e da Fundación Expomar.