Site icon Crónica3.com A Mariña

A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña denuncia que a dirección da EOXI de Lugo, Cervo e Monforte deriva “de xeito preferencial ó Polusa” as probas de resonancia magnética

A Mariña, 20 de novembro de 2014. Unha instrución da Área de Xestión Integrada con dirección en Lugo, dirixida a persoal administrativo dos centros de saúde da Mariña, obriga a comunicar a doentes que precisan da realización de probas de resonancia magnética por afeccións de xeonllo, a atención prioritaria e programada nun hospital privado de Lugo tódolos xoves mentres no caso de preferir o mesmo servizo no Hospital da Costa, a prioridade do servizo será de carácter ordinario. Para a Plataforma “estamos ante un novo exemplo de privatización, neste caso usando ao propio persoal da sanidade pública para tramitar citas na sanidade privada, ao tempo que se segue inxectando diñeiro público á privada mentres na pública o servizo é cada vez mais deficiente”.

Se precisas unha resonancia magnética na privada aténdente antes, si vas á publica xa se verá
Segundo a Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña, “a EOXI Lugo traballa para fornecer de clientes o hospital POLUSA e obriga a doentes con patoloxías de xeonllo a desprazarse 200 quilómetros se queren ser atendidos con maior brevidade que no Hospital da Costa”.

As instrucións da EOXI son claras cando establece informar dos días de atención – tódolos xoves – no POLUSA, e mesmo mediante instrucións orais que foron transmitidas a persoal dos centros de saúde da comarca, “fanse previsións sobre atención entre 15 e 30 días no hospital privado, mentres no público a tramitación das mesmas probas de resonancia magnética prográmanse con prioridade ordinaria e seguindo un protocolo que alonga os tempos de agarda no servizo público para beneficiar o servizo privado”.

Que foi das promesas do PP para que en Burela exista unha resonancia magnética estábel?
A Plataforma lembrou que no Hospital da Costa as resonancias magnéticas fanse mediante un equipo móbil con periodicidade cada vez mais longa, esta situación xa foi denunciada publicamente ao provocar listas de agarda oficiais e encubertas, esta proba é de grande importancia no servizo de traumatoloxía que no caso do Hospital da Costa, pasa por ser un dos que ten maiores listas de agarda oficiais, tanto en primeiras consultas como nas intervencións cirúrxicas. Acusan ao Partido Popular de esquecerse das promesas electorais para contar no Hospital mariñao cunha resonancia magnética estábel e a cambio temos un autobus que ven cando cadra ou a viaxe a Lugo para recibir atención nun hospital privado.

A Plataforma acusa ao SERGAS de buscar solucións ás listas de agarda oficiais e encubertas mediante a privatización de servizos que deberan ser públicos, “as probas de resonancia magnética é un exemplo de cómo o PP converte a promesa de instalación permanente deste servizo en Burela nunha mentira e nun negocio para a sanidade privada”.

Exit mobile version