Site icon Crónica3.com A Mariña

A programación cultural de Foz deste mes inclúe obras de teatro nas parroquias, proxeccións de cine e un festival de bandas de música xuvenís

Foz, 6 de novembro de 2014. A Delegación de Cultura do Concello de Foz anunciou este xoves a programación cultural que ten activa para este mes de novembro no municipio. O concelleiro de Cultura, Ánxel Paleo, destacou a importancia do Ciclo de Teatro de Outono nas Parroquias, mediante o cal se levarán obras dos grupos O Batán, de Cangas, Axóuxeres e A Adala ás parroquias de Marzán, Fazouro, San Martiño ou Cordido nas vindeiras semanas. Ademais, o edil recordou que o Concello organiza as proxeccións de películas de cine este mes no CENIMA e animou aos veciños a inscribirse no curso de batukada, que promove a propia Delegación de Cultura de Foz.

Ánxel Paleo indicou que “dende a delegación de Cultura do Concello de Foz, queremos informar da oferta cultural coa que contamos no municipio neste mes de novembro. Dará comezo este venres, día 7, dentro do Ciclo de Teatro de Outono nas Parroquias, co grupo de teatro O Batán, de Cangas, que actuará na antiga Báscula de Marzán ás 21.00 horas. O venres 14 comeza a terceira edición do festival A Capela, que se lles dedica ás bandas xuvenís e no cal actuará a Big Band de Foz. E o venres 28 estará a banda xuvenil For-Fun do Conservatorio de Fingoi de Lugo. O sitio e hora están sen confirmar, aínda que o máis seguro é que sexa na Sala Bahía, na que estamos amañando os estragos da última vez que entraron a roubar”.
Para o responsable da concellería de Cultura en Foz “tamén é importante recordar que o sábado 15, o grupo de teatro Axóuxeres, de Vilaronte, actuará no local da antiga Escola de Fazouro ás 7 da tarde. E seguindo co Ciclo de Teatro de Outono nas Parroquias, o domingo 16 actuará o grupo de teatro Pico do Castro na antiga Escola de San Acisclo ás 18:30 da tarde. E o venres 21 A Adala, de Fazouro, estará no Centro Social de Santa Cilla ás 21:30 dentro da programación das festas desta parroquia no fin de semana. E xa para rematar co teatro de outono, o sábado 29 o grupo O Batán, de Cangas, estará no local da Asociación de Veciños de San Martiño ás 20.30 horas e o domingo 30 actuará o grupo Axóuxeres, de Vilaronte, no centro Social de Cordido ás 18.00 horas”.

Paleo resaltou ademais que “tamén teremos unha obra infantil na Sala Bahía o sábado 29 ás 18:30 da tarde. Nela actuará Ce Orquestra Pantasma. Ademais nos meses de novembro, decembro e xaneiro teremos as proxeccións de películas de cine no CENIMA, xa que acollemos este circuíto que nace coa finalidade de achegar o cine ás localidades que non dispoñen de salas comerciais e tamén coa intención de aumentar as posibilidades de distribución dos filmes galegos e das películas infantís. O catálogo consta de 18 películas, das cales 11 son galegas, entre as que teremos tamén películas para os máis pequenos da casa. A entrada para estas películas terá un custo único de 3 euros. Nas próximas datas diremos o calendario, datas e películas que se van a proxectar”.

O edil recordou tamén que “dende a Delegación de Cultura estamos a organizar un curso de batukada, no que se poden apuntar todas aquelas persoas que teñan máis de 6 anos. A súa duración será de dous meses e terá un custo de 25 euros ao mes. O que queira pode anotarse na Delegación de Cultura, falando con Pili, que é a nosa técnica de Cultura e daralles toda a información que precisen”.

Exit mobile version