Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta destina preto de 4 millóns de euros ós servizos de atención sanitaria dos concellos que contan con Unidade Asistencial de Drogodependencias

20-11-14.- O Consello da Xunta autorizou este xoves a sinatura dun convenio de colaboración entre a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a Consellería de Sanidade, o Servizo Galego de Saúde e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para a realización de programas de atención e protección da saúde.

Trátase dun acordo plurianual 2014-2015 co cal se subvencionarán os servizos de atención sanitaria aos trastornos adictivos de 13 concellos de Galicia que contan con Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD). A Xunta de Galicia contribuirá ao financiamento destas actividades cun importe total de 3.979.799,92 euros. O convenio regulará as condicións que rexerán a relación entre a Consellería de Sanidade, o Servizo Galego de Saúde, a Fegamp e os concellos que se adhiran para o financiamento e desenvolvemento de programas de axudas para UAD, atendendo a planificación, criterios, guías, programas e procedementos establecidos polo Servizo Galego de Saúde no circuíto de asistencia sanitaria aos trastornos adictivos en Galicia publicado en 2011.

As axudas inclúen, entre outras, as funcións de prevención, prescrición e procedementos diagnósticos e terapéuticos, rehabilitación en pacientes con déficit funcional recuperable, a educación para a saúde e a realización de prestacións sociosanitarias en coordinación co sistema de servizos sociais.

A forma de pagamento consistirá nun anticipo do 49,6% do importe total do convenio unha vez que os concellos comuniquen a súa adhesión, e o resto do importe ao final da súa vixencia, unha vez que se xustifique a totalidade da actividade realizada. Tendo en conta as razóns de interese público, social, económico e humanitario, e a especificidade técnica que requiren os programas que se van desenvolver e a prioridade de darlles continuidade, non resulta posible promover concorrencia pública, polo que o réxime destas axudas se encadra no procedemento de concesión directa regulado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Exit mobile version