Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta destinou máis de 3,3 millóns de euros en axudas para a prevención e defensa contra os incendios forestais en montes veciñais de man común

ADBA Xunta destinou máis de 3,3 millóns de euros en materia de axudas para a prevención e defensa contra os incendios forestais en montes veciñais de man común. Así o sinalou este xoves o secretario xeral do Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto, en resposta a unha pregunta na Comisión 7ª do Parlamento.

Ademais, tal e como engadiu o responsable de Medio Rural e Montes, esa cantidade permitiu que máis do 75% das solicitudes presentadas polos titulares destes montes puidesen ser atendidas. Fernández-Couto explicou que a orde que regulaba a concesión destas subvencións cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013 foi publicada a comezos deste ano e establecía unha contía de 3.000.000 euros. Unha achega que coa publicación en xullo dunha Orde de ampliación orzamentaria ascendeu ata os 3.350.000 euros, sinalou.

Nese sentido o secretario xeral indicou que a orde establecía dúas grandes liñas de subvención. Por un lado, unha primeira liña de axuda, destinada ao control selectivo de combustible; por outro, a segunda partida orzamentaria, dirixida á construción de puntos de auga.

Elaboración do PDR
En relación á elaboración do documento do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia para o período 2014-2020, a secretaria xeral técnica, Isabel Concheiro, destacou que se “realizou mediante un proceso aberto de consulta co conxunto do sector que se ampliou coa celebración de dúas reunións do Comité de Socios, así como con múltiples xuntanzas mantidas cos organismos integrantes do Comité”. Galicia foi unha das primeiras comunidades autónomas en pór en marcha a consulta aos distintos axentes sociais.

Ademais, Isabel Concheiro destacou que o borrador do PDR 2014-2020 inclúe tamén medidas dirixidas á primeira instalación de explotacións e a mellora das infraestruturas para facer máis atractiva a vida no rural e crear emprego neste eido.

Finalmente, no relativo á incorporación de mozos á actividade agraria, a secretaria xeral sinalou que a Consellería seguirá abondando neste obxectivo para fixar a poboación nova dedicada á actividade agrícola no eido rural, como se fixo ata agora. “Ata o ano 2013 axudouse a máis de 2.800 mozos e mozas, cun investimento apoiado de 63,1 millóns de euros” engadiu.

Exit mobile version