Site icon Crónica3.com A Mariña

ACISA pon en marcha en Ribadeo a campaña ‘Son un can, non me fagas quedar coma un cocho. Hai cousas que non podo facer só’

canRibadeo, 20 de novembro de 2014. A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo inicia hoxe unha campaña de concienciación cidadá para que os donos e donas dos cans se lembren de recoller os excrementos das súas mascotas das rúas.

Segundo explican desde Acisa “foron os propios asociados os que nas últimas xuntanzas nos amosaron o seu descontento despois de ver cómo están algunhas rúas de Ribadeo, sobre todo pola noite e pola mañá cedo. Hai moitos socios e socias que teñen cans, que os sacan a pasear e que se encargan de recoller as súas deposicións, tal e como marca a correspondente ordenanza reguladora municipal”.

Desde Acisa sinalan que “o único que perseguimos con esta campaña é concienciar á cidadanía da importancia que ten ofrecer a mellor imaxe de Ribadeo, para nós porque vivimos aquí todos os días e temos que ver as beirarrúas sucias, pero tamén para as persoas que acoden a mercar ao noso comercio, que acoden a gozar da nosa hostalería ou que veñen facer turismo a este concello. Unha das mellores imaxes que debemos ofrecer é a das rúas limpas. Iso é positivo para todo o mundo”.

Son un can, non me fagas quedar coma un cocho. Hai cousas que non pode facer só. Ese é o slogan da campaña que desde hoxe se poderá ver nos escaparates dos locais asociados a Acisa Ribadeo.

Exit mobile version