Site icon Crónica3.com A Mariña

Andar coa cabeza gacha

Segundo un estudo publicado na revista “Surgital Technology International”, o emprego do teléfono móvil intelixente provoca danos na nosa columna vertebral. Do estudo publicado orixinalmente en inglés pódese entender que o peso que soporta a columna vertebral á altura das cervicais aumenta cando esta se flexiona cara adiante en graos variados causando a perda da curvatura natural cervical e este estrés pode levar ao desgaste ou dexeneración das vértebras tendo como última solución un tratamento cirúrxico. Apunta o estudo que é case imposible evitar o uso das novas tecnoloxías causantes destes problemas, pero que as persoas deben facer un esforzo para mirar os seus teléfonos nun ángulo axeitado e evitar pasar moitas horas cada día coa cabeza inclinada cara adiante.

A nosa cabeza pesa entre catro e cinco quilos nuna posición neutral, forza que debe soportar a columa vertebral, especialmente á altura das cervicais, pero en función do ángulo de inclinación pode chegar a exercer unha forza sobre as vértebras de preto de vintedous quilos.

Por extensión podemos chegar a deducir que andar coa cabeza gacha é perxudicial para a nosa saúde, independentemente de que empreguemos este xesto para utilizar o teléfono ou para someternos ás imposicións, humillacións, malos gobernos e outras situacións que vivimos desde moito antes de que os móviles entraran na nosa vida.

En definitiva, facernos oír, erguer a cabeza, espabilar diante as inxustizas, reaccionar perante os desfalcos, protestar contra os abusos e accións similares poden axudar sensiblemente a mellorar a nosa saúde e diante dos contínuos recortes en servizos tan esenciais como a sanidade, a educación e/ou os sociais non nos queda outra que automedicarnos. Ollo: é algo que está avalado pola comunidade científica!

Fran Bouso

Exit mobile version