Site icon Crónica3.com A Mariña

Arias afirma que as obras dos accesos ao porto de Burela suporán “un avance estratéxico para o desenvolvemento da zona”

Burela, 21 de novembro de 2014.- A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, destacou hoxe a aposta da Xunta de Galicia “pola mellora da competitividade da comarca da Mariña”. Arias fixo estas declaracións no marco da visita que fixo a Burela, onde revisou o inicio das obras dos accesos ao porto de Burela.

Arias, acompañada polo alcalde da localidade, José María González Barcia e por edís municipais, e por representantes da empresa encargada dos traballos, destacou que as obras dos accesos ao peirao burelés suporán “un avance estratéxico para o desenvolvemento da zona”, na que o sector pesqueiro ten forte peso na economía e o embarque e transporte de mercadorías vai en aumento.

Neste sentido, explicou que o actual acceso á zona portuaria realízase polo centro do núcleo urbano, coas molestias e perigosidade que supón tanto para os usuarios do porto como para a propia localidade de Burela.

Debido ao incremento da actividade que experimenta o recinto portuario e ao aumento do tráfico que se produce co funcionamento da nova lonxa, considérase necesario construír un novo acceso que facilite a entrada e saída do porto, evitando o tráfico de mais de 400 vehículos pesados ao día polo núcleo urbano de Burela.

Así, Arias considerou que “esta infraestrutura optimizará as comunicacións por estrada na costa, suprimindo o paso de tráfico pesado pola vila de Burela, facendo máis cómoda e segura a circulación”.

A nova vía, que está previsto que estea rematada a finais do ano 2016, terá 1,26 quilómetros de traxecto, enlazará a avenida Arcadio Pardiñas coa Avenida da Marina na zona portuaria, á altura da nova lonxa.

O ámbito obxecto do proxecto corresponde a uns terreos pouco accidentados, que están limitados ao leste por un acantilado duns 30 metros de altura e o suroeste pola liña de FEVE. O trazado cruza a liña de tren aproximadamente no p.q. 0+920 a través dun paso inferior e terá tres carrís de 3,5 metros cada un, así como beiravías de 1 metro a ambos os lados da calzada.

Proxéctase, tamén, a sinalización horizontal, vertical, barreiras de seguridade e relocalización da barreira de protección de motociclistas. E iluminarase o trazado mediante unha luminaria composta por báculo dun único brazo. Ademais, proponse a colocación de luminarias no paseo peonil.

Arias fixo alusión á reactivación da VAP da Costa de Lugo para concluír que “o avance destes dous proxectos, que se ven refrendados nos Orzamentos 2014, onde a dotación para infraesturas na Mariña se acerca aos 16 millóns de euros, corrobora a aposta deste Goberno autonómico polas estradas da Mariña Lucense”.

Exit mobile version