Site icon Crónica3.com A Mariña

Arias expuxo os recursos que pon a Xunta a disposición das mulleres emprendedoras

Lugo, 27 de novembro de 2014.- A Xunta de Galicia está a articular todos os mecanismos ao seu alcance “para que ningún proxecto que sexa viable se quede no camiño e para que, a través da información, dos servizos, e da axuda financeira, o proxecto se materialice e se converta nunha fonte de riqueza tanto social como económica”. Así o manifestou hoxe a delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, durante a inauguración dunha xornada sobre emprendemento responsable organizada en Lugo pola Asociación de Empresarias da Provincia.

Arias afirmou que “a posibilidade de conciliar a vida laboral e familiar é fundamental para acadar a igualdade en todos os ámbitos”, recoñecendo como principais materias pendentes que “segue diminuíndo a taxa de emprego feminino en función do numero de fillas e fillos, e restrínxese a promoción das mulleres a cargos directivos”.

O emprendemento feminino, subliñou, “é unha das vías para superar este obstáculo”, xunto coa implantación de plans de igualdade nas empresas.

Neste sentido, indicou que existen diversas liñas de subvención a través da Secretaría Xeral de Igualdade e tamén un marco xeral de axudas promovidas pola Consellería de Economía e Industria, na súa maioría a través do Igape, e pola de Traballo e Benestar, que subvenciona o establecemento de traballadores autónomos.

A delegada territorial explicou que o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) puxo en marcha as unidades Galicia Emprende, un instrumento creado na Lei de Emprendemento –aprobada hai menos dun ano- que busca simplificar e axilizar os trámites á hora de crear novas empresas galegas.

Raquel Arias invitou a todas as mulleres “que teñen un proxecto empresarial pero non saben cómo poñelo en marcha” a achegarse á unidade Galicia Emprende de Lugo, nas oficinas do Igape no Edificio Administrativo da Xunta. “Alí atoparán asesoramento profesional sobre a viabilidade económica da iniciativa empresarial que propoñen así como a relación de posibles axudas ás que poden optar”, concluíu.

Exit mobile version