Site icon Crónica3.com A Mariña

Armada: “Non se entende que o PSOE critique a Portos de Galicia por facer actuacións necesarias mentres a Deputación non cumpre coas súas obrigas nas estradas provinciais”

Cervo, 19 de novembro de 2014- A edil de Obras, Pilar Armada, asegurou “non entender” ao grupo municipal socialista, que critica a obra de reparación e reforzo da escollera de San Ciprián que vai executar Portos de Galicia. “Moléstalles que Portos cumpra cos seus compromisos porque deixa en evidencia á Deputación, que nin sequera é capaz de manter limpas as estradas provinciais?”.

Armada explica que o Goberno Provincial ten “completamente descoidadas as súas estradas no municipio de Cervo, a pesar de que é a súa obriga telas en boas condicións, das numerosas veces que o Concello solicitou a limpeza e das moitas queixas que teñen feito os veciños”.

A edil quixo aproveitar para dar as grazas a Portos de Galicia polo seu interese na obra da escollera, coa que atenden unha demanda feita dende o Concello. Un proxecto “que os socialistas critican á lixeira, sen saber en que consiste” xa que “falan dunha actuación de mantemento cando en realidade trátase dunha reparación que inclúe un reforzo, mellorando a escollera e dotándoa de medidas de prevención fronte aos futuros temporais”.

Ao mesmo tempo, Armada quere “axudar ao PSOE a facer memoria” asegurando que “todas as obras no porto de San Ciprián fixéronse con gobernos do PP”, ou o que é o mesmo, “cando os socialistas tiveron oportunidade de investir no porto, durante o bipartito, destinaron cero euros”. A edil lembra algunhas das actuacións feitas polo PP nesta instalación, como é o caso da grúa, os accesos, a escollera ou o local para as asociacións, entre outras. Armada lamenta a actitude dos socialistas: “Cando gobernan non aportan nada, e cando están na oposición só critican”.

Exit mobile version