Emma Álvarez explicou que “as obras que fixemos na área recreativa do Muíño do Pereiro, coa reconstrución de dúas escolleras e tamén un muro de contención que resultaron danados por aquela tromba de auga que caeu o pasado 15 de outubro, fixeron posible que as choivas deste pasado fin de semana e sobre todo as de onte, domingo, non afectaran a esta área e non houbera desbordamentos. Pero agardamos que a limpeza da canle do río Baos por parte de Augas de Galicia sexa inmediata para que así os veciños e as veciñas que teñen as súas fincas paralelas a este río poidan vivir con tranquilidade as choivas que aínda quedan por vir.”
A alcaldesa engadiu que “a maiores do feito de que se fixeran estas dúas escolleras e o muro de contención, o módulo de xardinería do obradoiro de emprego da Serra da Cadeira, que está neste momento actuando nos concellos de Lourenzá, Trabada e Barreiros, e que levou a cabo o axardinamento da parcela que está ao marxe esquerdo do Río Baos, permitiu que xa se limpara unha parte dunha canle que verte auga a este río. Este feito tamén axudou a que as choivas de onte pasaran inadvertidas polo Muíño do Pereiro. Ademais dos traballos feitos cos medios propios do Concello e pola área de xardinería do obradoiro de emprego, o módulo de carpintería tamén actuou sobre a área do Muíño do Pereiro, facendo unha ponte de madeira e mesmo adaptando unha xa existente para que sexa accesible a aquelas persoas que teñan mobilidade reducida”.
A responsable municipal anunciou ademais que “esta área do Muíño do Pereiro vaise ver mellorada tamén cunha actuación que levará a cabo a Xunta de Galicia, ao crear a ruta de sendeirismo Val de Lourenzá, duns 20 quilómetros de percorrido e para a cal comezarán as obras previsiblemente a finais desta semana”.