Site icon Crónica3.com A Mariña

Balseiro sinala que o convenio Xunta-FEGAMP facilita a elaboración en todos os concellos galegos de plans de defensa contra incendios forestais

Santiago, 21 de novembro de 2014.- O voceiro de Montes do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, interesouse hoxe na Comisión de Agricultura do Parlamento de Galicia, sobre as medidas impulsadas pola Xunta para garantir a obriga xeral –establecida na nova Lei de Montes- de manter os terreos forestais en condicións que contribúan a previr e evitar os incendios.

Convenio Xunta Fegamp
En cumprimento desta obxectivo Balseiro explicou que o convenio asinado entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) facilita a posta en marcha, en todos os concellos de Galicia, de plans municipais específicos dirixidos á defensa contra os incendios forestais e animou a desenvolvelos.

Uns plans que, salientou Balseiro, unha vez que se leven adiante servirán como instrumento para garantir que o lume non lastre a economía dos propietarios forestais, atente contra o noso patrimonio ecolóxico e poña en risco, en moitas ocasións, as vivendas, o patrimonio, e incluso a vida das persoas.

En relación con este convenio o Secretario Xeral do Medio Rural e Montes, Tomás Fernández Couto explicou, en resposta a Balseiro, que tamén permite poñer a disposición dos alcaldes e dos concellos galegos, a través da FEGAMP, dun modelo tipo de ordenanza e de bando que, unha vez aprobado, permitirá que os cidadáns coñezan con claridade a normativa reguladora da xestión da biomasa nos distintos tipos de solo, falamos dunha compilación da normativa moi clara que ata o de agora ou non existía ou se caracterizaba pola súa complexidade.

Brigadas de investigación
Na Comisión de Agricultura do Parlamento tamén se deu conta, a preguntas de Balseiro ,da iniciativa impulsada polo Goberno galego para que as Brigadas de Investigación de Incendios Forestais (BIIF) se encarguen de inspeccionar -de oficio- os predios afectados por lumes e determinar asço se as condicións destes montes dificultaron as labores de extinción ou crearon riscos especiais para a poboación.

O representante da Xunta aclarou que, feitas estas inspeccións, poderán ser obxecto de sanción os predios que incumpran a lexislación en materia de incendios forestais

Outros ámbitos de colaboración
Finalmente tamén se abordaron outros ámbitos de colaboración na loita contra os incendios que, a xuízo de Balseiro, foron moi exitosos, como foron o convenio da Xunta para apoiar a realización de tratamentos preventivos en vías e camiños de titularidade municipal, o dirixido á posta en marcha das brigadas forestais ou o instrumento de apoio para financiar o custe de funcionamento e para a operatividade de vehículos motobomba (Neste último caso a Xunta achega de 4.785,00 €/mes con este obxectivo)

A preguntas de Balseiro, o secretario xeral aclarou que todos eles se volverá a ofertar, de novo, no 2015.

Exit mobile version