A necesidade de contratar a esta traballadora social foi vital para que COGAMI puidese poñer en marcha este proxecto co que pretende ofrecer unha atención integral aos discapacitados da totalidade do territorio provincial, facendo especial fincapé naqueles que viven no medio rural, especialmente castigado na meirande parte dos casos pola dispersión xeográfica e o incesante incremento do avellentamento da poboación. Senón fose por este colectivo, terían moitas dificultades para acceder a servizos especialmente desenvolvidos para mellorar as condicións de vida dos que teñen que convivir con algún tipo de incapacidade e dos seus familiares, favorecendo deste xeito a súa integración laboral e social, así como aprender a empregar os distintos recursos dos que dispoñen para mellorar, no posible, estás condicións vitais.
Áreas de actuación
Entre os referidos servizos atópanse informar e asesorar a estas persoas con discapacidade e aos seus familiares; actividades de intervención social en áreas específicas de actuación como no eido da muller con discapacidade, a violencia de xénero, persoas con gran discapacidade e os menores, entre outras; organización de actividades de mellora das capacidades físicas e cognitivas, tales como a fisioterapia, deporte, terapias alternativas ou talleres de autoestima; mantemento e prestación do servizo do centro de día e apartamentos tutelados; desenvolvemento de actividades na aula ocupacional en novas tecnoloxías; entre outros moitos servizos.
Antonio Veiga lamentou que “unha vez máis dende a área de Benestar da Deputación temos que atender as demandas de todas esas persoas e asociacións que están facendo a labor que lle correspondería a quen ten as competencias e non as está facendo, debido aos recortes que está levando a cabo no sistema público de servizos socias, e estamos falando, loxicamente da Xunta de Galiza, que non cumpre coa cidadanía, cos que máis están sufrindo os recortes. Non cumpre coas asociacións que traballan no ámbito do benestar e da discapacidade. Esa é a nosa liña de traballo, aínda que moitas veces cos problemas orzamentarios lóxicos, pero si temos que facer este traballo para suplir esas carencias provocadas polas políticas do Partido Popular”, criticou o vicepresidente provincial.