Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela celebra a Semana Europea da Prevención de Residuos organizando dúas mesas informativas, un coloquio e varias proxeccións de vídeos

cartel sema  residuos burela IMAGENBurela, 21 de novembro de 2014.- Burela celebra a Semana Europea da Prevención de Residuos, que terá lugar do 24 ao 30 de novembro. A Concellería de Mar e Medio Ambiente organiza unha serie de actividades articuladas en torno ás tres R´s medio ambientais: redución de lixo, reutilización de produtos e reciclaxe de materiais. Os actos comezarán o luns 24 coa celebración dunha mesa informativa no supermercado Eroski. Xa o martes, esa mesma mesa repetirase no supermercado Froiz e o mércores os alumnos do Ceip Virxe do Carme participarán na proxección dun vídeo sobre compostaxe. O xoves, día 27, varios técnicos de Sogama ofrecerán un coloquio sobre esta mesma materia no Salón de Conferencias da Antiga Biblioteca. E para rematar, o venres, día 28, os alumnos do Ceip Vista Alegre participarán na actividade A compostaxe chega aos alumnos.

Dende a Concellería de Medio Ambiente de Burela informan que a Semana Europea da Prevención é un proxecto que se organiza co obxectivo básico de sensibilizar e conseguir a gradual redución das inxentes cantidades de residuos que se producen no conxunto da Unión Europea. Esta celebración busca a realización de accións que aborden dende a concepción do produto, ata a súa reutilización e sensibilización para reducir o exceso de lixo.

Para colaborar con esta campaña a Concellería de Medio Ambiente de Burela organiza un programa de actos que comezará o vindeiro luns, 24 de novembro, coa celebración da mesa informativa Diminución dos residuos e a caducidade dos produtos. Este acto levarase a cabo entre as 10 e as 13 horas no supermercado Eroski, e nel intervirán dúas monitoras do Centro Gaia como conferenciantes. Esta mesma mesa repetirase o martes 25 no supermercado Froiz no mesmo horario e coas mesmas poñentes. Xa o mércores 26, os actos pasan a estar enfocados á concienciación dos máis pequenos coa posta en marcha da actividade A compostaxe chega aos alumnos. Nela, varias monitoras de Gaia explicarán aos alumnos de 3º e 4º curso do Ceip Virxe do Carme e aos usuarios da Fundación Eu Son, a través da visualización dun documental sobre compostaxe, en que consiste esta técnica de reciclaxe e cales son os seus beneficios. Esta mesma actividade repetirase xa o venres 28 no Ceip Vista Alegre, entre os alumnos de 1º e 2º curso de primaria. Entre tanto, o xoves 27, haberá unha charla coloquio ás 19 horas no Salón de Conferencias da Antiga Biblioteca de Burela. A actividade estará aberta a tódolos públicos e contará coa presenza de varios técnicos de Sogama, que acudirán ao municipio para explicar en que consiste o programa de compostaxe promovido por Sogama, en colaboración co Concello de Burela, no que xa participan a día de hoxe un total de 54 familias.

Exit mobile version