Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela contará coa primeira ordenanza de accesibilidade da Mariña

Burela, 26 de novembro de 2014. Mañá, xoves, ás 20 horas dará comezo o pleno ordinario da Corporación Municipal de Burela no que se debatería unha ordenanza de accesibilidade, a primeira deste tipo que haberá na Mariña, segundo subliña o alcalde, José Mª González Barcia.

Entre os asuntos máis importantes da orden do día “un deles é a concertación dun préstamo para refinanciar o crédito ICO, o que vai supoñer un aforro importante para as arcas municipais porque vamos pasar de pagar o 4,14 ao 0,981 por cen. Despois temos que pedirlle permiso ao Ministerio de Hacienda y Administraciones Públicas para poder contratar o préstamo”, segundo explicou o rexedor
González Barcia dixo que “outro punto importante é a aprobación dunha ordenanza de accesibilidade, que é a primeira deste tipo que haberá na Mariña. Trata fundamentalmente de marcar as pautas para que os espazos e os edificios públicos sexan accesibles para persoas con discapacidade. Nese sentido márcanse unhas directrices para especificar as características que teñen que ter os edificios e espazos públicos. A ordenanza está consensuada con Cogami, como non podía ser doutro xeito. En principio intentábase que puidese afectar tamén a edificacións privadas, pero isto descartouse porque evidentemente os novos edificios construídos recentemente xa teñen que cumprir coas normas que hai vixentes agora e aos edificios que xa teñen anos non se lles pode pedir na situación económica actual unha adaptación en canto á accesibilidade, porque iso sería moi custoso para eles”. Esa ordenanza contempla a creación dunha comisión de seguimento e dun gabinete “nos que terán voz as asociacións e colectivos de persoas que sofren algún discapacidade. Será elas as que nos dirán aqueles lugares ou espazos públicos nos que se deberá mellorar a súa accesibilidade. Nesa comisión de seguimento e gabinete tamén estará presente o Concello de Burela”, asegurou Diana Durán, edil de Servizos Socias.

O alcalde burelés engadiu: “un terceiro asunto que tamén ten importancia é que nosoutros tíñamos o Centro de Formación Ocupacional en Suafonte e estaba nos mesmos baixos que o centro de discapacitados e o centro de día, pero o Centro de Formación Ocupacional trasladámolo para as instalacións que ten o Concello no parque de Tíjola, porque precisábamos máis espazo e tiñamos que ter tamén a homologación desas novas dependencias. E como onde estábamos tíñamos problemas coa homologación para impartir alí certos cursos por iso cambiamos. Agora a intención é que a fundación Eu Son poida ampliar o seu marco de actividades e para iso precisará máis espazo. Entón o que se vai acordar no pleno de mañá é a cesión temporal de locais á fundación Eu Son para poder ampliar a súa actividade”.

Para José Mª González Barcia “isto demostra un compromiso absoluto por parte do equipo de goberno co mundo da discapacidade. Nosoutros fomos capaces de poñer en marcha o centro de día, o centro de formación de discapacitados xa se puxera en marcha na época de Manolo Mon na Alcaldía e agora entendemos que se dá un paso adiante porque é lóxico pensar que a fundación Eu Son poida ampliar o seu marco de actividades para o que vai ter aí uns locais que se os precisa vai poder usalos sen ningún custo para a fundación. A cesión será por oito anos e poderá renovarse”.

Exit mobile version