Site icon Crónica3.com A Mariña

CIG Saúde A Mariña esixe a cobertura da subdirección médica do centro hospitalario mariñán

CIG Saúde A Mariña acusou ao xerente da Estrutura de Xestión Integrada, Antonio García Quintáns e ao Xerente Executivo do Hospital da Costa, Francisco Soriano, de xestionar a sanidade pública dende un punto de vista exclusivamente mercantilista e non como garante da saúde da poboación.

Nesta liña responsabilizáronos de tomar decisións nas que A Mariña “sempre sae perdendo ao ver o Hospital da Costa e os centros de saúde da comarca como centros que xeran gasto e non como servizos para garantir a calidade sanitaria das mais de 70.000 persoas que residen habitualmente na comarca”.

O xerente provincial e o xerente executivo do Hospital da Costa están obsesionados por recortar o gasto sanitario público e utilizan a súa posición de poder para continuar podando os servizos, persoal e material que van degradando a calidade asistencial na nosa comarca.

UN HOSPITAL DA COSTA SEN RUMBO E CUN BALEIRO DE PODER, XA QUE Á FALTA DE COBERTURA DA DIRECCIÓN MÉDICA SÚMASE A AUSENCIA DO XERENTE EXECUTIVO, FRANCISCO SORIANO, QUE ESTÁ A GOZAR DUN PERMISO VACACIONAL
A decisión da EOXI (Estrutura Orgánica de Xestión Integrada), dirixida por Quintáns dende Lugo, de non dar cobertura á SubDirección Médica, vacante dende fai máis 6 meses, demostra unha vez mais que este modelo de xestión afecta gravemente ás prestacións sanitarias na comarca que lonxe de mellorar, empeoran e redúcense en beneficio dun HULA, tendo como exemplo recente a ausencia de cardiólogos, a alarmante diminución da actividade cirúrxica e a falta de coordinación dos distintos servizos médicos, o que leva consigo un caos organizativo no día a día do centro mariñao, algo, que finalmente repercute na calidade dos coidados e servizos sanitarios ofertados á poboación da Mariña.

Ademais de padecer un modelo de xestión integrada, imposto polo Partido Popular dende o goberno da Xunta en contra do criterio dos colectivos sanitarios e da poboación mariñá en xeral, sufrimos un xerente provincial e un xerente mariñao que nin saben, nin queren saber nada das necesidades asistenciais da nosa comarca e sucumben, xunto coa dirección do SERGAS, ante as presións dun “lobbie sanitario privado” interesado en facerse cada vez con mais espazos de negocio roubados ao servizo público.

É por iso que dende CIG Saúde A Mariña esixen a cobertura inmediata da Subdirección Médica en prol dunha atención sanitaria de calidade e dun mellor funcionamento dos servizos e unidades adscritas ao seu ámbito de competencia, así como a ordenación e coordinación entre os servizos e unidades do noso hospital e dos nosos centros de saúde.

Exit mobile version